O Concello convoca unha manifestación contra o proxecto de supresión do baipás de Infesta

O Concello de Bergondo vén de convocar unha manifestación contra o proxecto do Ministerio de Transportes para o ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León–A Coruña e Betanzos Infesta–Ferrol, que implica a supresión do baipás de Infesta.

A decisión chega despois de que o goberno local recorrera a resolución do Ministerio de non contemplar a alternativa presentada polo propio Concello, ao concluír que “a alternativa 5s proposta non resulta viable tecnicamente”.

A manifestación terá lugar o martes 28 de outubro, ás 12.00 horas, na estrada DP-0105, ao carón do Hotel Luso, e celebrarase baixo o lema “Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila”.

Antecedentes

O organismo estatal xustifica que a solución inicial “cumpre coa normativa, non supón problemas futuros na explotación do ramal, non afecta directamente ningunha vivenda, edificación industrial nin instalación da subestación e ademais conta cun informe de impacto ambiental aprobado”.

Unha afirmación coa que o goberno local non está de acordo, pois considera que esta solución, denominada Alternativa 6, “afecta gravemente ás nosas veciñas e veciños, ao noso urbanismo e ao noso territorio”, mentres que a Alternativa 5s, proposta polo Concello, é “máis sensata, máis económica e máis xusta”.

O Concello presentou recentemente o seu recurso contra esta decisión, xa que entende que os argumentos expostos polo Ministerio non se corresponden coa realidade. “A solución proposta afecta gravemente ás nosas veciñas e veciños, ao urbanismo e ao territorio, sendo altamente prexudicial para unha zona concreta da parroquia de Cortiñán”.

Desde o goberno local lembran que “aínda que a vía non pasa por riba de moitas vivendas, déixaas dentro da zona de servidume do ferrocarril, atrapándoas e mutilando o urbanismo dunha área xa urbanizada, onde non se poderá construír nada no futuro”.

“Están transformando ese solo en residual, con propiedades devaluadas ou directamente invendibles, algo que nin é lóxico, nin humano, nin politicamente admisible para esta administración”, afirman.

Alternativa 5S

A alternativa proposta polo Concello de Bergondo, denominada ‘5S’, supón unha adaptación dos trazados estudados nas alternativas 5 e 6 da administración estatal.
Recolle un primeiro tramo xa contemplado na alternativa 5, modificándoo economicamente ao trasladar o entrecruzamento coa vía existente para suprimir un primeiro viaduto innecesario sobre a estrada provincial.
Modifícase a continuación o trazado posterior e, finalmente, entronca co último tramo estudado da alternativa 6.

“Parécenos máis sinxela, máis social, moito máis económica, con menos expropiacións, afastada da zona urbana e afectando só, e de forma pouco destacable, a unha área industrial”, explican.

Ademais de afastar o trazado das edificacións existentes, con esta solución redúcese considerablemente o número de viadutos.
Non sería necesario o primeiro viaduto sobre a DP-0105, xa que a bifurcación da vía se realizaría uns metros máis adiante, en campo aberto.
Tan só na zona ocupada por Talleres Suárez e Loureda sería preciso proxectar un viaduto máis económico e tamén unha ponte para cruzar a N-VI.

O Concello conclúe que:

“Con esta solución non se deixan vivendas atrapadas na zona de servidume do ferrocarril, nin se expropian propiedades particulares, que tampouco se verían afectadas polo ruído do tren, xa que as actuacións se trasladan a áreas forestais ou industriais, protexendo así a tranquilidade dos fogares. É unha solución máis sensata, máis económica e máis xusta. O efecto é triplo: económico, de protección cidadá e de protección do territorio de Bergondo”.