O Comité de Ética en Intervención Social do Consorcio de As Mariñas, do que Bergondo forma parte, segue a ser a única entidade destas características no territorio galego e a estar activo en múltiples eidos.
En Bergondo, tres técnicas dos Servizos sociais municipais forman parte do comité, ostentando unha delas o cargo da presidencia. O comité realiza reunións ordinarias cunha periodicidade mínima de 5 sesións ao ano, onde se establecen os mecanismos de funcionamento para este órgano consultivo.
Unha das súas funcións principais é a de elaborar recomendacións sobre a intervención social tras a deliberación das consultas realizadas por profesionais, entidades e poboación.
Ademais, dende o CEIS estase a desenvolver unha completa formación en ética en colaboración coa Universidade da Coruña, dividida en dous niveis de especialización: básico e avanzado. Na actualidade, participan 25 persoas vinculadas coa intervención social no primeiro dos niveis.
Neste momento, estase tramitando a cobertura de prazas vacantes no Comité, dado que a renovación e a incorporación de persoas novas enriquece e aporta dinamismo ao mesmo, avogando pola diversidade na súa composición.
Tamén se está a traballar arreo no tocante á avaliación do propio Comité, medindo a súa visibilidade, utilidade, puntos fortes, aspectos de mellora e o impacto que este organismo está tendo na calidade das intervencións dentro dos servizos sociais comunitarios.
Todo isto recollerase nun exhaustivo informe no que xa se pode anticipar a importancia do CEIS no relativo á incorporación dunha mirada máis centrada na persoa para afrontar dilemas éticos.
Non cabe dúbida de que a perspectiva ética chegou para quedarse.
Para máis información, toda a documentación do Comité pode ser consultada na páxina web do Consorcio de As Mariñas: https://www.consorcioam.org/es/ssss/#ceis