O Concello de Bergondo dá un paso máis no seu compromiso coa mellora ambiental e a posta en valor dos espazos naturais do municipio. A contorna da histórica Fonte da Virtude, situada nas ladeiras do Monte da Fame, foi escenario dunha xornada especial na que 50 estudantes de 1º da ESO do CPI Cruz do Sar participaron activamente na plantación de árbores autóctonas.
Durante a mañá do pasado 25 de abril, o alumnado plantou carballos, abeleiras, álamos e outras especies, contribuíndo de forma directa á restauración dun espazo que, ata hai pouco, estaba degradado pola presenza de especies invasoras como o eucalipto ou a acacia. A actividade desenvolveuse nun ambiente participativo, no que tamén se abordaron de maneira práctica cuestións fundamentais como a importancia da reforestación, o papel vital das árbores na conservación do solo e na loita contra o cambio climático, ou o coidado dos ecosistemas locais.
O grupo tamén participou activamente na limpeza de lixo da senda, colaborando na retirada de residuos e reflexionando sobre a importancia de coidar os nosos espazos naturais. O monte é de todos e todas, e a súa conservación é unha responsabilidade compartida.
Durante a visita, os escolares puideron gozar da flora e da fauna autóctona. Un dos momentos máis especiais foi a observación de tritóns ibéricos (Lissotriton boscai) nas inmediacións da fonte, un exemplo vivo da biodiversidade que habita nestes espazos. Estes mananciais naturais constitúen refuxios fundamentais para os anfibios, un grupo de animais especialmente vulnerable á contaminación e á destrución do hábitat. A presenza de tritóns é un indicador da boa saúde ecolóxica do lugar e pon en valor a necesidade de conservar fontes e regatos como espazos de vida.
Esta acción simbólica e educativa serviu como colofón ao proxecto de mellora ambiental da zona verde do Polígono Industrial de Bergondo, unha iniciativa que abrangueu a eliminación de especies alóctonas, a recuperación do solo e a creación dun espazo naturalizado accesible e atractivo para a cidadanía.
A revalorización da contorna da Fonte da Virtude, un manancial tradicionalmente vinculado ao benestar e á saúde, supón agora unha oportunidade para redescubrir un lugar cheo de historia e natureza. O Concello de Bergondo anima á veciñanza e ao tecido empresarial do polígono a visitar este novo pulmón verde, como exemplo de convivencia posible entre actividade industrial e respecto polo medio natural.
Esta actuación foi posible grazas á financiación da Xunta de Galicia a través da liña de axudas MT724A, dirixida á conservación e sensibilización ecolóxica nas Reservas da Biosfera, e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027
