Mellora da atención social e a eficiencia enerxética coa reforma integral do edificio de Servizos Sociais

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo licita o proxecto de Rehabilitación Enerxética e Reforma Integral do Edificio de Servizos Sociais, unha actuación que busca optimizar a atención á cidadanía, mellorar as condicións de uso e habitabilidade das dependencias e impulsar a eficiencia enerxética do inmoble municipal.

A intervención, que conta cun orzamento de 225.348 euros e está financiado a traves do Plan Único da Deputación da Coruña, responde á necesidade de adaptar o espazo ás novas demandas funcionais, tanto para o persoal como para os usuarios do servizo. As obras non só implican unha mellora estética, senón que se centran na reordenación interna e na modernización das instalacións para garantir un servizo máis áxil e de maior calidade.

Na planta baixa, a reforma céntrase na zona de recepción e atención ao público, reordenándoa para mellorar a privacidade e a fluidez do servizo. Ademais, crearanse dous novos despachos que permitirán optimizar a atención das demandas dos usuarios e o traballo do persoal municipal.

A planta semisoto, actualmente un espazo diáfano destinado a almacén e garaxe, será obxecto dunha compartimentación para crear dous locais independentes con usos separados: un garaxe e un almacén. Esta separación inclúe a instalación dun novo portalón metálico abatible na fachada posterior para un acceso máis sinxelo e funcional a través da parcela.

Compromiso coa Sustentabilidade e o Confort

Un dos eixes centrais do proxecto é a Rehabilitación Enerxética parcial, que incidirá directamente no confort dos usuarios e na redución do consumo. As actuacións clave son:

  • Mellora do illamento interior dos teitos da planta baixa e semisoto.

  • Instalación de novos sistemas de ventilación con recuperador de calor na planta baixa e ventilación natural na planta semisoto.

  • Novo sistema de climatización na planta baixa mediante bomba de calor aerotérmica e unidades interiores de cassette, un sistema eficiente e sostible.

  • Mellora da protección solar coa instalación de lamas horizontais fixas de aluminio na fachada Sueste e a substitución das actuais lamas interiores por cortinas screem enrollables con protección solar e anti-eslumbramento.

  • Adaptación da carpintería exterior para permitir a apertura oscilobatente, mellorando o uso sen interferencias co mobiliario.

O proxecto complétase coa limpeza, reparación e pintado das fachadas exteriores, así como a adecuación da impermeabilización dos encontros entre fachadas e pavimentos exteriores.

Esta reforma integral, que simultanea a mellora da funcionalidade, accesibilidade e calidade arquitectónica coa eficiencia enerxética, reflicte o compromiso do Concello de Bergondo coa mellora continua dos seus servizos e instalacións públicas.