Máis de 20.000 persoas gozaron do formato ampliado do Guísamo Folk na súa vixésimo quinta edición

  • Categoría da entrada:Cultura

Tradicionalmente, os concertos do Guísamo Folk lévanse a cabo nun formato de tarde-noite pero nesta ocasión, para celebrar da mellor maneira posible o vixésimo quinto aniversario do festival, os primeiros acordes comezaron a soar xa ao mediodía no Campo da Feira de Guísamo.

A pesar de que os cambios sempre levan consigo riscos, neste caso o novo formato foi todo un acerto. Máis de 20.000 persoas pasaron ao longo do día, e ata ben entrada a madrugada, por Guísamo para celebrar o cuarto de século dun dos festivais máis recoñecidos na provincia e en Galicia.

Treixadura, que foi o primeiro grupo en subirse ao escenario, gozou dunha carballeira chea de xente que os agardaba para cantar xuntos algúns dos seus temas míticos como ‘Se chove’, ‘Miñas Cousas’ ou ‘Santo Amaro’. “É a primeira vez na nosa traxectoria que actuamos de día, ver todas as caras é unha sensación moi agradable”, declararon ao público.

Tomou a testemuña a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo máis Amig@s, unha formación composta polas alumnas e alumnos da escola de música tradicional local, encabezados por Pedro Lamas e acompañados para a ocasión doutras músicas e músicos profesionais. “O noso lugar natural sería estar aí con vós comezando a desfrutar da comida e da música pero propuxéronnos participar nesta edición tan especial e non puidemos negarnos”, explicou Pedro Lamas, que tamén fixo un chisco ao público para que “se preparasen porque igual o ano que ven estades enriba do escenario con nós”.

Tras a sesión vermú chegou o momento de repoñer forzas co tradicional xantar campestre no Campo da Feira. Os concertos retomáronse ás 19 horas cun momento histórico: Luar na Lubre, que actuara xa na primeira edición deste festival no ano 2000, encargouse de erguer aos asistentes á festa das súas mesas e de despegar a outros dos bochinches instalados polas comisións de festas de Moruxo, Vixoi e Ouces. Con temas que chegan ao máis profundo de cada un e exploran nas súas raíces como ‘Nadal en Lubre’: “só hai dous Lubres en Galicia, un está en Ares, onde estivemos hai pouco tocando, e outro está aquí, en Bergondo, é moi especial para nós celebrar aquí o noso 40 aniversario”, destacou Bieito Romero.

Radio Cos, o grupo encabezado por Xurxo Fernandes e Quique Peón, foi o encargado de que a música non parase. A banda combina o folclore ancestral das aldeas de Galicia con instrumentos tradicionais. Pedro Lamas, integrante do grupo e recoñecido artista bergondés, volveu subirse ao escenario diante dos seus veciños e veciñas.

Achegábase un final apoteósico. Alana demostrou por que está considerada como unha das agrupacións que emerxen con máis forza no panorama musical galego, e cunha carismática posta en escena puxo a bailar ao Campo da Feira cos temas do seu último disco, titulado ‘Un saber’, nos que se mestura a música tradicional con ritmos de electrónica e pop.A banda contou para este concerto coa colaboración do bergondés Andrés Boutureira que tivo a difícil misión de ser profeta na casa e superouna con fartura.

Xa de madrugada chegou o momento máis agardado por todas e todos. The Rapants actuaba por primeira vez no Guísamo Folk e coa enerxía, forza e frescura dos seus temas levou por diante ás miles de persoas que os agardaban. “É a primeira vez que actuamos en Bergondo, e aínda que o folk non sexa o noso estilo, respectámolo moito e estamos encantados de que nos invitásedes a formar parte deste cartel”, confesaron, mentres o público gozaba ao grande creando avións humanos baixo os acordes de ‘O avión’.