A Festa do Entroido encherá Bergondo de disfraces, música e animación o 17 de febreiro

  • Categoría da entrada:Cultura

O Concello de Bergondo celebrará este sábado, 17 de febreiro, a súa XXXII Festa do Entroido e a XXVII Festa da Orella nunha programación entroideira que trae como novidade, ademais dos disfraces, a música e a animación, a actuación dos mellores grupos do “BergondoRisión”, todo un clásico do Entroido no CPI Cruz do Sar.

O Entroido este ano cambiará de ubicación, pasando a celebrarse no recinto do centro educativo debido ás obras das instalacións deportivas que o Concello está executando nos exteriores da Senra.

As actividades comezarán ás 16:30 horas no pavillón, onde se organizou unha gran festa infantil na que non faltarán inchables, desfiles de difraces e a actuación circense de Kote Malabar.

Unha vez rematada a festa infantil, a múisca e as orellas serán as protagonistas. Ás 19:30 horas dará comezo a actuación da Orquestra Finisterre, ao mesmo tempo que a XXVII Festa da Orella, na que se volve a incluir un donativo para o alumnado de 4ºESO do colexio. No descanso da orquesta subirán ao escenario os mellores grupos do “BergondoRisión”. Este festival é xa un clásico entre o alumnado de secundaria do CPI Cruz do Sar e as risas están aseguradas.