Janel recibirá a Medalla de prata ao Mérito de Protección Civil de Galicia

O voluntario da Agrupación de Protección Civil, Juan Manuel Pérez Muíño, ‘Janel’, falecido no pasado mes de decembro, recibirá a título póstumo a Medalla de prata ao Mérito de Protección Civil de Galicia, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

A distinción parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia e vén asinada polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Diego Calvo. Foi proposta pola Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña a pedimento da agrupación bergondesa.

Janel desenvolveu nesta agrupación parte da súa vida como voluntario, con máis de 30 anos de servizo dedicados a servir á sociedade e nos que interveu como voluntario en catástrofes como o accidente do Alvia, o ciclón Klaus ou os graves incendios forestais do 2006, ademais de en multitude de emerxencias e operativos.

Por esa vocación social e o traballo silencioso que realizou durante décadas, será condecorado a título póstumo coa Medalla ao Mérito de Protección Civil da Xunta de Galicia.