Iria Braña recibe o VII Premio de poesía Filomena Dato coa obra ‘Un xardín no espazo da linguaxe’

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Cultura

A alfocega Iria Braña López recibiu de mans da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, o VII Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario ‘Un xardín no espazo da linguaxe’.

No acto, celebrado na Senra, a gañadora do pasado ano, Nuria Mosqueira Varela, presentou “Anguías”, o poemario co que resultou gañadora na edición anterior e aproveitou para asinar exemplares e participar nun faladoiro xunto a gañadora desta edición.

O xurado, integrado pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto); Antía Otero como secretaria; Leticia Mª Rey como funcionaria; e Dores Tembrás, Lucía Aldao e Emma Couceiro como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Iria Braña valorando “a presenza de temas clásicos revisados desde unha óptica propia e atendendo aos seus puntos cegos, a conciencia da arquitectura do poema en especial nos seus feches, o control da macroestructura, o traballo con elementos transversais como a cerimonio e o rito e a introdución de conceptos musicais que constrúen un imaxinario”.

O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.

A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento.

Iria Braña

Iria Braña López (1995), natural de Alfoz (Lugo), cursou estudos de Filoloxía Clásica na Facultade de Santiago de Compostela, que complementou co Minor en Teoría e Crítica Literaria da mesma facultade. Este mesmo ano 2026 gañou o primeiro premio do certame Francisco Añón de poesía, impulsado polo Concello de Outes.