O Concello de Bergondo iniciou esta semana as obras para a renovación da rede de abastecemento das rúas Parroquia de Guísamo e Parroquia de Lubre, no polígono industrial, unha actuación que conta cun orzamento de 146.967,27 euros.
Os traballos que se están levando a cabo consisten, esencialmente, na renovación da tubaxe de fibrocemento de 150 milímetros por unha de fundición dúctil revestida interiormente por cemento de alto forno e exteriormente por aliaxe de cinc-aluminio.
Este proxecto permite continuar executando o plan do goberno local para a renovación das infraestruturas de saneamento e abastecemento da área empresarial. Ademais, este investimento supoñerá un importante aforro no mantemento da infraestrutura, xa que a nova necesitará de menos gasto á hora de asegurar un correcto funcionamento.
Outras actuacións no polígono
Ao longo dos últimos anos o Concello executou unha serie de proxectos no polígono para mellorar os servizos desta área empresarial, consolidada como un dos polos económicos da provincia da Coruña.
Así, instalouse un novo colector de alivio para mellorar o desvío de augas pluviais (11.096 euros), na rúa Parroquia de Vixoi e na rúa Parroquia de Ouces; instaláronse válvulas redutoras de presión; reixas e canalizacións na rúa Parroquia de Lubre (47.986,04 euros); melloras na EDAR do polígono (200.00 euros); a pavimentación do acceso ao polígono desde a estrada Nacional VI (171.000 euros); ou a roza e limpeza das parcelas de titularidade municipal (32.850 euros). Ademais, proximamente executarase unha senda peonil (276.000 euros).