II Certame de foto-relatos ‘Bergondo en feminino’ para visibilizar ás mulleres a través da literatura e da imaxe

O Concello de Bergondo abriu a convocatoria para participar na segunda edición do Certame de foto-relatos ‘Bergondo en feminino’. Esta iniciativa, enmarcada dentro da sétima edición do proxecto municipal homónimo, ten como obxectivo principal visibilizar ás mulleres a través do xénero literario e da creatividade.

O certame está aberto a calquera persoa que desexe participar, independentemente do seu lugar de empadroamento. As obras presentadas deberán ser orixinais, inéditas e non ter sido premiadas en ningún outro concurso. Ademais, os textos terán que estar escritos en lingua galega e contar cunha extensión máxima de 3.000 caracteres, espazos incluídos.

A proposta debe unir literatura e imaxe, polo que o arquivo de texto (en formato PDF) deberá ir acompañado da imaxe á que se alude, na máxima calidade posible (formato JPG ou PDF).

O prazo para presentar os traballos finaliza o vindeiro xoves 7 de maio de 2026 ás 14:00 horas. As persoas interesadas deben enviar as súas propostas por correo electrónico ao enderezo leticia.rey@bergondo.gal, achegando tamén no documento unha última folla cos seus datos persoais (copia do DNI co nome e o número, enderezo, teléfono de contacto e a categoría á que optan).

Dúas categorías e seis premios

O concurso establece dúas categorías: unha xuvenil (para persoas de entre 12 e 18 anos) e outra para persoas adultas (de 18 anos en diante). Entregaranse un total de seis premios, tres por cada modalidade.

Para a categoría xuvenil, o primeiro premio consistirá nun bono comercio por valor de 180 euros, mentres que na categoría de persoas adultas o bono ascenderá a 200 euros. En ambos os casos, o segundo premio será un lote de libros e o terceiro consistirá nunha maleta de materiais do proxecto ‘Bergondo en feminino’.

Á hora de valorar as propostas, o xurado —presidido pola alcaldesa, Alejandra Pérez— terá en conta tres criterios fundamentais. En primeiro lugar, a mirada feminista, valorando a capacidade da historia para a sensibilización en materia de xénero, denunciando situacións de inxustiza ou visibilizando os avances sociais, loitas e experiencias das mulleres. En segundo lugar, puntuarase a orixinalidade, premiando aqueles enfoques que poñan o foco en vivencias menos recoñecidas. Por último, analizarase a calidade técnica tanto do texto como da imaxe que o acompaña.

A entrega de premios levarase a cabo durante o acto de peche da sétima edición de ‘Bergondo en feminino’, que se celebrará o venres 29 de maio en horario de tarde no edificio sociocultural da Senra.