O Concello de Bergondo organiza o sábado 9 de agosto a ‘I Festa da Familia’, que se celebrará nas pistas polideportivas de Lubre. A xornada, que comezará ás 11 horas, contará con comida popular e ao longo da mañá e a tarde desenvolveranse o resto das actividades.
Así, dispoñeranse mesas para os grupos que desexen ir comer. É posible levar a comida de casa ou comprala nalgún dos postos de polbo e churrasco que se habilitarán ese día. Para reservar sitio é necesario inscribirse, do 28 ao 31 de xullo, cubrindo un formulario web ou chamando ao número de teléfono 981 791 252 ext.7 e indicando o número total de asistentes, que ten que ser exacto. O único requisito é que a persoa solicitante estea empadroada en Bergondo.
De 11 a 14 horas e de 15:30 a 20:30 horas levaranse a cabo outras actividades como xogos tradicionais, talleres, actuacións musicais e de monicreques. O peche de festa poñerao unha festa da escuma e pos Holi.
Desde o goberno local animan a participar nesta primeira edición a “familia, grupos de amigos ou persoas que veñan de visita, queremos que sexa un evento interxeracional” e sinalan que “a área recreativa de Lubre é un lugar perfecto para celebralo porque conta co equipamento necesario: unha zona cuberta, baños, parque infantil, grellas…”.