O Concello de Bergondo, en colaboración coa Asociación de Veciños e Veciñas de Moruxo, renderá unha sentida homenaxe á escritora Filomena Dato Muruais (1856-1926) o vindeiro venres, 27 de febreiro. O acto terá lugar ás 17:00 horas no Cemiterio de Moruxo, lugar onde descansan os restos da autora, da que este ano se conmemora o centenario do seu falecemento.
Este acto enmárcase dentro da programación do ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’, iniciativa coa que o Concello de Bergondo rende tributo durante todo este 2026 a dúas das figuras literarias máis relevantes vinculadas ao municipio.
A homenaxe en Moruxo contará cun marcado carácter poético. A alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, dará paso ás intervencións de Natalia Alonso, gañadora do III Premio de poesía Filomena Dato; Marta Dacosta, gañadora do IV Premio; e Dores Tembrás, da editorial Apiario, organizadora do certame xunto co Concello. Ademais, anímase ao público que asista ao acto a que participen na lectura pública de fragmentos dalgunha das obras de Filomena.
O evento estará amenizado pola Agrupación de Música Tradicional de Bergondo.
Filomena Dato, unha figura clave do Rexurdimento e o feminismo
Coñecida como “a poetisa das Mariñas” –alcume que lle outorgou o propio Alejandro Pérez Lugín–, Filomena Dato naceu en Ourense e pasou os últimos anos da súa vida en Moruxo. A súa figura é clave na literatura galega, sendo a segunda muller, tras Rosalía de Castro, en publicar un libro integramente en galego, titulado ‘Follatos’.
Na década de 1880, erixiuse como unha das voces máis destacadas do feminismo galeguista e un piar fundamental do movemento literario do Rexurdimento. Nos seus escritos e discursos, reivindicou o protagonismo das mulleres, especialmente das clases populares. Un claro exemplo do seu compromiso é o extenso poema ‘En defensa das mulleres’, galardoado en 1887, onde con máis de 400 versos rebateu os prexuízos da época e defendeu os méritos femininos. No ano 1906, coincidindo coa fundación da Real Academia Galega, foi nomeada académica correspondente.
O Concello de Bergondo reafirma con esta homenaxe o seu compromiso por manter en vigor a figura histórica e literaria de Filomena Dato, impulsando a creación poética en galego a través do premio que leva o seu nome e que neste 2026 acada a súa sexta edición.