Herdeiros da Crus, Caamaño e Ameixeiras e Os do Fondo da Barra actuarán no XXII Festival Guísamo Folk

O Concello de Bergondo deu hoxe a coñecer o cartel musical do XXII Festival Guísamo Folk, unha cita musical xa arraigada na programación cultural da provincia e de Galicia que contará este ano coa actuación de Herdeiros da Crus, Caamaño e Ameixeiras e Os do Fondo da Barra.

Os concertos celebraranse o sábado 26 de agosto e farano, como sempre, no Campo da Feira de Guísamo, que foi obxecto dunha remodelación, converténdoo nun espazo máis funcional e accesible, dotado de servizos como baños, máis papeleiras, itinerarios acondicionados…

Proximamente farase o acto de presentación da programación, onde se dará a coñecer ao detalle o resto da oferta do festival que, como non pode ser doutra maneira, incluirá a tradicional comida campestre, talleres, xogos tradicionais…

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, explica que “tras retomar o pulso o ano pasado despois do parón da pandemia, para esta edición deseñamos un cartel con grupos consagrados, que todas e todos coñecemos” e agarda que “todo o mundo veña ao Campo da Feira a desfrutar dun dos festivais máis coñecidos da provincia e de Galicia”.