‘Escolas de Saúde para a Muller’ no marco da programación do 8M

O Concello de Bergondo, dentro do programa de actividades organizado con motivo do Día Internacional da Muller (8M), acollerá a iniciativa ‘Escolas de Saúde para a Muller’. Trátase dun ciclo de charlas formativas de carácter totalmente gratuíto cuxo obxectivo principal é fomentar a educación sanitaria entre a veciñanza.

A actividade constará de dúas sesións formativas impartidas pola farmacéutica Alejandra Fontán Otero. Durante os encontros, abordaranse temas de interese relacionados coas diferentes etapas do ciclo da vida da muller en relación cos problemas de saúde, apoiándose en exposicións e videoconsellos prácticos.

Para ofrecer unha visión integral e adaptada, o temario das charlas profundará nas seguintes cuestións:

  • A saúde abordada desde a perspectiva de xénero e sexo.

  • A análise dunha etapa vital clave como é a menopausa, e as súas diferenzas cos homes.

  • As enfermidades de risco cardiovascular e cales son os síntomas específicos na muller.

  • A desmitificación da osteoporose como un problema de saúde exclusivo das mulleres.

  • Como afecta a dor crónica, e especialmente a migraña, á muller.

Datas e horarios

As dúas sesións programadas terán lugar nas instalacións da Biblioteca A Senra, ambas as dúas ás 19:00 horas. A primeira sesión celebrarase o vindeiro 12 de marzo, mentres que a segunda cita será o 21 de abril.

Esta iniciativa conta ademais co respaldo do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos de España e a colaboración do laboratorio Organon.