Proxecto de visibilización das mulleres históricas de Bergondo: das pioneiras, das esquecidas, das invisibles, das rebeldes, das que abriron camiño​

Vídeo-guías

Publicacións

A historia do proxecto

As vídeo-guías

Pequenas pezas audiovisuais de curta duración, centradas na vida e valores de cada unha das mulleres investigadas ao abeiro deste programa. A través delas poderás descubrir tamén os lugares e patrimonio do municipio.

Replica Bergondo en Feminino!

Todos os territorios merecen coñecer a historia das mulleres que os habitaron e construír os seus referentes locais. Sabendo que non existen receitas máxicas, compartimos algunhas notas de como desenvolvemos esta liña de traballo por se pode inspirar a acción noutros contextos.

Investigar e divulgar a historia invisibilizada das mulleres dun territorio vai traer consigo pequenas pero poderosas transformacións no lugar no que traballamos. Facelo coa implicación activa da comunidade no proceso de investigación, reforza, sen dúbida, estes obxectivos de sensibilización e transformación social. 

Para que?

“Bergondo en feminino” caracterízase pola súa vontade de contar coa veciñanza no proceso de posta en valor das súas referentes locais. Isto materialízase a través dos obradoiros de investigación participativa que preceden aos diferentes formatos de devolución que podes coñecer nesta web (pasquíns, videoguías, roteiros, etc). Están abertos a toda a veciñanza, e contan cos seguintes obxectivos: 

  • Afondar na sensibilización sobre a invisibilización das mulleres como unha das formas da violencia machista, artellando un grupo motor cunha base reflexiva sólida sobre a que traballar. 
  • Abrir o proceso de procura de información, ampliando grazas á colaboración veciñal o radio de acción. 
  • Apoiar a toma de decisións sobre as figuras a homenaxear e os pasos a dar, integrando unha maior diversidade de miradas no proceso. 
  • Promover o apoderamento das participantes como axentes activas na investigación da historia do seu territorio, capacitándoas no manexo de ferramentas traballo de campo sinxelas e eficientes. 

Como?

Como facelo vai depender da realidade de cada contexto, os tempos e obxectivos, as persoas coas que se traballe,… Rexenerando S. Coop., o equipo encargado de dinamizar o programa desde 2019, define así os principais pasos neste proceso: 

É útil facer cartelería, distribuíla polos principais espazos culturais do concello, as redes sociais, etc. Pode axudar contar coa colaboración de redes xa existentes, como alguna asociación concreta afín á materia (no caso de Bergondo, foi o grupo de voluntariado dos servizos sociais).  

O formato e número de sesións pode variar moito en función dos obxectivos. As ferramentas da facilitación de grupos apoiáronnos para levar a cabo un traballo colaborativo que coide do proceso, os resultados e as persoas. 

  • Marco: un bo punto de arranque é presentarnos con calidade e poñer un sinxelo marco teórico que sirva de sustrato común. É importante comprender que son as violencias machistas e por que os procesos de invisibilización no relato é unha das súas formas. A herstory danos referentes de recuperación da memoria interesantes. 
  • Mapeo de información: indagamos co grupo que persoas coñecen xa que poden ser fíos dos que tirar, tanto se son mulleres que potencialmente poderían ser homenaxeadas no proxecto, como axentes estratéxicos a quen entrevistar para acadar máis información. 
  • Definición de criterios: establecemos criterios de selección das figuras a homenaxear. No caso de Bergondo en feminino, tívose en conta principalmente a diversidade territorial e de perfís, e o arraigo na memoria da comunidade.
  • Traballo de campo: comezamos o traballo de campo. Para isto, construímos un modelo común de entrevista, e organizámonos con tarefas e prazos. Pode haber entrevistas que teñan as integrantes de xeito autónomo, outras que fagamos o grupo enteiro, entrevistas individuais ou grupais,… Bergondo en feminino colaborou con actividades municipais como os obradoiros de Memoria Activa para recoller información de persoas maiores de diversas parroquias. 
  • Baleirado de información e selección das figuras: compartimos a información recollida, baleirámola nalgunha ferramenta común, e comezamos a analizar o que temos e o que nos falta. Propoñemos unha selección de mulleres atendendo aos criterios de partida. Completamos a información que temos delas coas familias e veciñanza: recollida de fotografías, outras informacións, anécdotas, etc. É importante contrastar sempre con elas toda a información que se vaia facer pública. 

Temos agora unha información de grande valor nas mans, toca devolvela con rigor e coidado. Os formatos nos que isto se pode facer son moi diversos; en Bergondo en feminino optamos por desenvolver roteiros guiados e pasquíns asociados a esa ruta; videoguías con placas de sinaléctica e un mapa interactivo. O elemento levado a cabo preséntase nun acto público, ben anunciado, e ao que estean convidadas todas as persoas que formaron parte do proceso. É interesante que o grupo motor teña un rol activo neste evento. 

Péchase o proceso avaliando co grupo motor, para coñecer as súas percepcións e incorporar melloras nas seguintes edicións. Recóllense nun informe toda a informacións que poda ser de utilidade para a continuidade, como a identificación de axentes con moita información, figuras que poden ser de interese aínda que non se chegaran a homenaxear nesa edición, etc.

Indicacións xerais

Sinalamos por último algunhas indicacións xerais que, despois destes anos de traballo nesta liña, nos parecen especialmente relevantes:  

  • O grupo motor que leva a cabo a investigación participativa é a peza clave neste proceso, polo que é imprescindible coidar da participación de todas as persoas involucradas, e integralas en todas as fases do proceso. A xeración de ferramentas e canles de comunicación compartidas pode ser útil nesta tarefa. 
  • Os procesos de recuperación da memoria e recoñecemento público mobilizan moitas emocións, nas persoas que coñeceron ás figuras das que se fala, e en toda a comunidade. É importante traballar con delicadeza e coidado no trato coas persoas informantes, cos materiais e informacións, cos procesos e actos de devolución,… Garantindo sempre que temos o consentimento das persoas coas que traballamos para acceder e divulgar a información que nos están compartindo.
  • A dimensión comunicativa é relevante para dar a coñecer o traballo feito, pero tamén para aumentar o efecto de sensibilización e recoñecemento que busca o proxecto. Unha boa cobertura nos medios e as redes sociais, fotografías de calidade de todas as fases do proceso, etc. poden axudar neste sentido. 

Gustaríache impulsar un proceso de renomeamento dun espazo municipal no teu concello?

Renomear un espazo municipal co nome dunha muller ou figura invisibilizada importante para a comunidade é un acto cun profundo valor simbólico. O que até ese momento permanecera oculto, nas lembranzas íntimas, ocupa o espazo público, amosando unha aposta por reescribir o noso pasado e construír un presente e futuro máis xustos e igualitarios. 

Nun concello pode verse o interese de dar outro nome a unha rúa ou espazo municipal; facelo coa figura dunha muller relevante para a comunidade é un exercicio de recuperación da memoria e xustiza social. Cada contexto pode ter as súas particularidades, compartimos os pasos que se deron no Concello de Bergondo para o renomeamento oficial dos centros sociais, por se poden ser extrapolables a outras realidades.

En Bergondo existe un Regulamento Especial de Honras, Distincións e Nomeamentos que define o procedemento a seguir neste caso, este establece de forma específica o procedemento para as concesións.

Outros materiais

Pequenas pezas audiovisuais de curta duración, centradas na vida e valores de cada unha das mulleres investigadas ao abeiro deste programa. A través delas poderás descubrir tamén os lugares e patrimonio do municipio.

Agradecementos

Bergondo en feminino non sería posible sen a implicación activa de moitas persoas e colectivos. Non queremos esquecer o apoio de: 

Familia e veciñanza das mulleres homenaxeadas · Grupo de Voluntariado de Bergondo · Participantes nos obradoiros, roteiros e demais actividades · CPAP 

Na súa confección contou co traballo de profesionais multidisciplinares como: 

Rexenerando S. Coop. · Nadina Bértolo · Adrián Van Alten · Iria Fafián · Dores Polo · COMA Comunicación Creativa · Asociación Zona Hadal · Artesa da Moza Crecha · Autocares Gilsanz

Outros agradecementos:

Anhida Coruña (Asociación de Nenos/as con Hiperactividade e/ou Déficit de Atención), Apem (Asociación Pro Enfermos Mentais),  TP Galicia (Asistencia e investigación dos trastornos da personalidade), Aspadisol (Asociación de Padres de Discapacitados Psíquicos), Dismacor (Asociación de Pais de Nenos e Persoas con Discapacidade das Mariñas Coruñesas), Aspace (Atención integral a personas con parálisis cerebral), Fundación Mujeres, Asoc. Mirabal, Cogami, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Elas, Pedro Lamas (gaiteiro), Coral Acordes e de Vixoi,  Rubén Aramburu, crego San Salvador de Bergondo, Participantes das actividades de envellecemento activo do Concello de Bergondo, Marta Pumares, mestra do CPI Cruz do Sar, Grupo folclórico Os Sobraos de Bergondo, Museo etnográfico de A Capela.

Recoñecementos