Bergondo viviu onte unha xornada completa na que o deporte, a aventura, os desafíos e a natureza se uniron para deixar un inmellorable sabor de boca ás case 300 persoas que participaron na I Orientación Nocturna de Bergondo e na sexta proba da liga MTBO 2025, organizadas conxuntamente polo Concello e o club Gallaecia Raid.
Pola mañá, a proba da Liga MTBO 2025, de orientación en bicicleta de montaña e puntuable como Campionato Xunta de Galicia en distancia media, deu o pistoletazo de saída á xornada. A carreira discorreu polos sendeiros e pistas do municipio e constou dunha única proba en media distancia, cun percorrido secreto que os participantes coñeceron só no momento da saída.
Xa pola tarde-noite, o deporte volveu ser protagonista coa celebración da I Orientación Nocturna de Bergondo, na que participaron 218 persoas. Trátase dunha proba popular que tiña o obxectivo de achegar esta disciplina ao conxunto da cidadanía.
A carreira desenvolveuse en formato Rogaine, no que cada participante ou grupo debía deseñar a súa propia estratexia para alcanzar o maior número posible de puntos dentro do tempo establecido.
Celebráronse tres modalidades:
· Carreira longa (3 horas), pensada para orientadores experimentados.
· Carreira curta (1,5 horas), para quen buscaba menor esixencia física ou se iniciaba na orientación.
· Carreira infantil (1 hora), sen dificultade técnica, dentro das instalacións de A Senra, especialmente pensada para nenos e nenas.
Resultados da proba de MTBO: https://fegado.es/events/view/e5vvxni51ptj/
Resultados da proba de Orientación Nocturna: https://liveresultat.orientering.se/followfull.php?comp=35314&lang=sv