O Consorcio As Mariñas abriu o proceso de renovación e provisión de vacantes no Comité de Ética en Intervención Social
(CEIS As Mariñas), co obxectivo de reforzar a súa capacidade técnica e facilitar o cumprimento das súas funcións. A
convocatoria permitirá incorporar ata 15 novas vogalías ao órgano.Poderán presentar a súa candidatura profesionais dos servizos sociais comunitarios e das entidades sociosanitarias dos
concellos pertencentes ao Consorcio As Mariñas, así como persoas vinculadas á intervención social que cumpran os
requisitos establecidos na normativa de funcionamento interno do comité. As persoas solicitantes deberán acreditar formación
básica en ética na intervención social ou comprometerse a adquirila durante os dous primeiros anos de pertenza ao Comité.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto desde hoxe día 10 ao 24 de marzo, ambos incluídos. A documentación poderá
presentarse a través da sede electrónica do Consorcio As Mariñas ou de forma presencial no rexistro da entidade, situado en
Lugar de Bos, Naves O Carballal no 4, Guísamo (Bergondo).
Entre a documentación requirida inclúese unha solicitude de incorporación, copia do documento de identidade, un currículo
abreviado (máximo dúas páxinas) e unha carta de motivación na que a persoa candidata explique as razóns para formar parte
do comité.
O CEIS As Mariñas é un órgano colexiado de carácter consultivo, interdisciplinario e independente que ten como finalidade
asesorar sobre os problemas éticos da intervención social, fomentar a cultura ética e contribuír á mellora da calidade da
intervención social e do benestar das persoas usuarias dos servizos sociais.
A participación neste comité é voluntaria, a título individual e non remunerada, e non implica representar nin actuar como
portavoz de centros, institucións ou colectivos.
As solicitudes recibidas serán avaliadas polo propio comité e, posteriormente, elevarase a proposta de nomeamento á Presidencia do Consorcio As Mariñas para a súa resolución final.
Acceso á convocaoria:
https://www.consorcioam.org/media/newsapp/files/Bases_da_Convocatoria_de_vogal%C3%ADas_CEIS_As_Mari%C3%B1as.pdf