Constitución da nova corporación municipal

  • Categoría da entrada:Concello

O salón de plenos do Concello de Bergondo acolleu o pasado sábado, 17 de xuño, a sesión constitutiva dunha nova corporación no Concello de Bergondo, tras as eleccións municipais do pasado 28 de maio. A socialista Alejandra Pérez Máquez volveu ser investida e será a alcaldesa de Bergondo durante o próximo mandato.

A rexedora foi investida grazas á maioría dos votos a favor dos 4 concelleiros do PSOE e os 3 de Alternativa dúas Veciños de Bergondo. O BNG, con 2 escanos, abstívose e os 4 concelleiros do PP votaron polo seu candidato, Manuel Fafián.

Tras recoller o bastón de mando, a recentemente nomeada alcaldesa tomou a palabra e comprometeuse a “traballar, traballar e traballar en defensa do interese común de Bergondo”. “O traballo, como sempre, vai ser a reo e constante pero sempre coa integridade e a humildade como bandeira”, engadiu.

“A veciñanza votou dividido, quíxoo así, e agora toca chegar a acordos. Por iso agradezo o apoio da corporación, especialmente de Alternativa dos Veciños, e quero aproveitar para destacar tamén a labor dos traballadores municipais na defensa do público porque ese traballo é o que temos que trasladar nós ao goberno local”, explicou.

Alejandra Pérez Máquez quixo facer referencia “aos compañeiros que formaron parte deste mandato atípico e que non repiten, Eloy, Juan e Santi, e tamén quero dar unha benvida especial ás novas persoas que formarán parte da corporación, é un reto marabilloso e ilusionante, estamos a representar aos nosos veciños e veciñas e non hai maior orgullo que iso, asegúrovolo”.

Por último, a rexedora quixo agradecer tamén o apoio “das nosas familias, que nos soportan, e da outra familia, a socialista de Bergondo e tamén a provincial e a galega. Moitas grazas a todas e todos”.