O Concello de Bergondo acolleu unha nova sesión do Consello Escolar Municipal para avaliar o arranque do ano académico nos centros educativos do municipio, que se desenvolveu con normalidade e sen incidencias salientables, e abordar as principais necesidades e proxectos da comunidade educativa.
Durante a xuntanza, deuse conta das distintas liñas de axuda que mantén o goberno local, destinadas a material escolar, transporte e apoio directo aos centros e ás ANPAs. O Concello puxo en valor este importante esforzo inversor no ámbito educativo, subliñando que o ensino é un piar fundamental para a institución a pesar de non tratarse dunha competencia estritamente municipal.
Neste mesmo contexto, a sesión serviu para facer un recoñecemento expreso ao labor incansable das asociacións de nais e pais do municipio. O traballo que as ANPAs desenvolven a través das súas actividades considérase imprescindible para fomentar e facilitar a conciliación das familias de Bergondo.
Outro dos temas centrais do encontro foi a seguridade do alumnado. O Consello insistiu na necesidade urxente de atopar unha solución para crear un paso peonil seguro de acceso ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Guísamo, reiterando a demanda histórica para a construción do paso superior na estrada.
No eido organizativo e do calendario, acordáronse os días non lectivos locais para o presente curso escolar, que quedarán fixados no 2 de novembro e o 18 de maio.
A xuntanza contou coa participación da alcaldesa e da concelleira de Educación, xunto con representantes da ANPA As Mariñas, a AFA As Escoliñas do CRA, a dirección do CRA, a Escola Infantil Municipal, a Inspección Educativa, a dirección e o profesorado do CPI Cruz do Sar, así como representantes do CFEA de Guísamo e do CPAP de Fiobre.