Concertos desde o mediodía ata a madrugada para celebrar este sábado o XXV Guísamo Folk

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Cultura

A XXV edición do festival Guísamo Folk, organizado polo Concello de Bergondo, celébrase este sábado, 22 de agosto, no centenario Campo da Feira de Guísamo e contará co seu cartel de concertos máis amplo coa presenza de 6 grupos.

Para esta ocasión tan especial o festival, unha cita musical xa arraigada na programación cultural da provincia e de Galicia, conta cun cartel de luxo: Treixadura, a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo máis Amig@s, Luar na Lubre, Radio Cos, Alana e The Rapants.

O Campo da Feira foi o lugar elixido para realizar a presentación da vixésimo quinta edición do Festival Guísamo Folk, na que participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez.

Alejandra Pérez Máquez incidiu en que “celebramos os 25 anos, ou máis, sumando os anteriores celebrados anos 80 impulsados por un grupo de veciñas e veciños de Guísamo na época na que comenzaron a coller pulo os festivais en Galicia”. “Queremos facerlles unha homenaxe, contando a súa historia e retomando as pegatinas e os escudos que usaron no seu momento”, indicou.

A alcaldesa explicou que despois do ano 1986 “tiveron que parar por problemas económicos e cando no ano 2000 Pepín, que formaba parte desa primeira comisión dos anos 80, entrou como alcalde encargoume, como concelleira de Cultura nese momento, que había que retomar o festival”. “Faime moita ilusión que nesta edición veña Luar na Lubre porque foi un dos grupos que actuou no primeiro festival organizado polo Concello”, comentou.

“A programación deste ano é moi variada, con grupos para os que lles gusta a música máis tradicional e outros para os que están máis á vangarda, e como temos tantos temos que comezar xa pola mañá, o que creo que vai facer que incluso teñamos máis xente do habitual para xantar”, destacou.

Patricia Vázquez lembrou que “contamos con un amplo espazo para aparcamento preto do Campo da Feira” e agradeceu “aos veciños e veciñas, comisión e asociacións que sempre colaboran, agardemos que o tempo acompañe e que desfrutemos, neste espazo idílico, dunha gran xornada de festa en familia”.

Programación dos concertos

Este ano a música comezará a soar pola mañá no Guísamo Folk. A primeira formación en subir ao escenario, ás 13 horas, será Treixadura, que encherá o recinto co seu potente directo baseado no canto tradicional e a música popular. Os concertos da mañá completaraos ás 14:45 horas a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo máis Amig@s, baixo a dirección de Pedro Lamas, demostrando o talento e o profundo arraigo cultural que existe no municipio.

Haberá un pequeno parón co tradicional xantar campestre que todos os anos realizan os veciños nesta data, acompañada de obradoiros e xogos tradicionais durante a tarde.

A música retomarase ás 19 horas con Luar na Lubre, a banda galega de estilo folk celta máis internacional, que achegará o seu inconfundible e histórico son ao festival. Cederán a testemuña ás 21 horas a Radio Cos, o proxecto liderado por Quique Peón e Xurxo Fernandes que é un referente na evolución e posta en valor da música e percusión tradicional galega. Tras eles, ás 23:30 horas, sumarase ao festival a frescura de Alana, que fusiona a música tradicional e o folk con ritmos electrónicos, e pechará a festa a partir das 01:45 horas a enerxía dos The Rapants, unha das bandas galegas do momento, que achegará os seus ritmos indie e garage para enriquecer a variedade musical da xornada.

Obradoiros, xogos e xantar campestre

O Festival Guísamo Folk é máis que música. Todos os anos, á hora de xantar, o Campo da Feira situado en Pedras Brancas acolle aos bergondeses que se reúnen para realizar un tradicional xantar campestre. As mesas de pedra poderán reservarse desde o venres 22 de agosto ás 15 horas no propio campo. Ademais, o Concello porá a maiores máis mesas portátiles.

De 13 a 15 horas e de 15:30 a 19 horas haberá un espazo infantil con xogos e diferentes obradoiros: de atrapasoños, instrumentos musicais, xogos xigantes de madeira, recuncho artístico, zona de movemento, música ambiente folk… No Campo da Feira tamén haberá postos de artesanía e terán os seus espazos de comida e bebida as entidades do municipio.