Comunicado do Concello sobre a situación do Club de Remo Olímpico Mandeo

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

En primeiro lugar, o Concello de Bergondo quere trasladar á cidadanía, e en especial ao Club de Remo Olímpico Mandeo, o seu recoñecemento polo traballo deportivo e social que a entidade desenvolve no municipio dende hai case unha década.

Dende a súa chegada a Bergondo, o club atopou no noso municipio un lugar onde seguir practicando e fomentando o remo. En todo este tempo, o Concello amosou sempre a súa disposición a apoiar á entidade, ofrecéndolle o uso de instalacións municipais, como o pavillón de Guísamo ou o ximnasio, do mesmo xeito que ao resto de clubs deportivos locais.

É importante subliñar que, cando o club decidiu afincarse en Bergondo, eran plenamente conscientes de que non existía ningunha infraestrutura para acoller deportes náuticos. Nun primeiro momento empregaron como base para a súa actividade as antigas naves do Pedrido, sendo conscientes de que esta era unha situación con data de caducidade, xa que existía un proxecto de rexeneración ambiental na zona, por parte de Costas, que incluía a demolición desas naves ao rematar os períodos de concesión.

Cando isto aconteceu, buscaron alternativas e optaron por instalarse nunha parcela da zona. Nos últimos meses, tras ter que abandonar ese terreo por motivos alleos á administración local, proliferaron unha serie de acusacións cara ao goberno local que nos vemos na obriga de desmentir.

En primeiro lugar, o Concello mostrouse sempre disposto a colaborar e axudar ao club para que puidese continuar desenvolvendo a súa actividade con normalidade e explorar posibles solucións, non sendo posible ata o de agora habilitar unha instalación específica de xeito provisional.

O club alega que conta cun proxecto para construír un edificio de ata 300 metros cadrados no Pedrido. Tras a consulta do goberno local, Costas sinala que esta actuación tería un encaixe moi complicado debido ás especiais características da zona, situada na ZEC Betanzos-Mandeo, e que O Pedrido non é unha zona portuaria, que é o ámbito no que se levantan este tipo de infraestruturas, senón que é unha praia. Por outra banda, tamén tería difícil encaixe a ubicación proposta, en primeira liña da ría, que tería que contar coa autorización da Demarcación de Costas.

Non obstante, dende o Concello, e en particular a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, continuando coa súa intención de seguir apoiando ao club, está a traballar en dúas vías: crear un edificio público multiusos de dotación para dar servizo á praia, que sirva como base para o servizo de salvamento e no que se poida habilitar un espazo para o almacenamento de embarcacións; ou obter a cesión dunha parte do terreo que posúe Fenosa no Pedrido para poder habilitar alí unhas instalacións máis completas. Obviamente, nin estas nin ningunha outra, incluída a que propoñen dende a entidade se fose viable, se podería executar a curto prazo.

O Concello de Bergondo quere reiterar que comparte o interese en atopar unha solución estable e adecuada, dentro dos marcos legais e urbanísticos existentes, e que seguirá traballando nesa liña, como ata agora, en diálogo constante co Club de Remo Olímpico Mandeo e o resto de entidades deportivas do municipio. O que se está facendo é, seguindo a lóxica de ser dunha entidade pública, intentar resolver un tema de futuro e de necesidades a longo prazo, non unha necesidade puntual.

Mentres, o resto de formacións políticas representadas na corporación municipal amosaron o seu apoio ao Club de Remo Olímpico Mandeo, reprochándolle ao Concello que non aporte solucións, pero ao mesmo tempo son conscientes de que actualmente non existe unha solución inmediata e viable dentro dos marcos legais e urbanísticos que afectan á zona. Unha actitude totalmente hipócrita que non axuda en nada a conseguir o obxectivo final.