Despois de varias semanas agardando a que as condicións meteorolóxicas permitisen realizar os traballos nas condicións axeitadas de seguridade, o Concello de Bergondo iniciou as obras de reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Mariñán. O proxecto conta cun orzamento total de 275.106,90 euros e está financiado con fondos municipais a través dun suplemento de crédito.
A intervención prevista consiste nunha mellora global do edificio a nivel de accesibilidade, de confort enerxético e de uso. O obxectivo principal do Concello é que as entidades e a veciñanza da zona teñan á súa disposición unhas instalacións máis modernas e cómodas, podendo realizar un uso diario destas. Ademais, de forma complementaria, levarase a cabo unha ampliación para darlle unha nova función: un almacén para cazadores, atendendo ás demandas do colectivo de contar cun espazo axeitado para desenvolver a súa actividade.
As actuacións previstas no edificio existente son: a súa mellora enerxética cun illamento e unha dobre folla de carpintaría exterior complementada con trasdosado interior; limpeza e mantemento da cuberta cun retellado de pezas en mal estado e substitución de canlóns; execución dun novo acceso na planta baixa a través dunha praza con bancadas; creación dunha soleira ventilada; substitución das carpintarías interiores; aseos adaptados en ambas as plantas; recolocación do almacén da primeira planta para definir unha aula rectangular vinculada ao novo acceso; adaptación das instalacións de electricidade, fontanaría, calefacción e saneamento, e creación dunha zona de drenaxe debaixo dos canlóns.
Por outra banda, a ampliación destinada a almacén farase de forma respectuosa, separada do edificio existente e integrada coa contorna ao usar muros de formigón con textura de canizo. Conservarase o acceso rodado da planta baixa, crearanse accesos independentes e unha rampla, e crearase unha zona de drenaxe.
O proxecto deseñouse para conseguir unha integración completa do edificio coa contorna do parque, mesmo habilitando unha zona de encontro con fisionomía de praza na parte superior da zona na que estará situado o novo almacén e que terá acceso directo á primeira planta do local social.
Desde o goberno local consideran que “esta é unha actuación moi ambiciosa, que supón unha reforma integral do edificio para dotalo de novos usos para a veciñanza e, ademais, permítenos crear un novo espazo para que os cazadores teñan unas instalacións adecuadas para desenvolver a súa actividade”. Ademais, lamentan que “desde a oposición intentasen entorpecer ou desmerecer este proxecto, difundindo entre os cazadores que era mentira que se ía crear unha zona de almacén como fixo o voceiro do Partido Popular ou directamente opoñéndose ao proxecto no caso do BNG”.