Comezan as obras de mellora da eficiencia enerxética na casa do concello

  • Categoría da entrada:Bergondo

Esta semana comezaron as obras para levar a cabo o proxecto do Concello de Bergondo de mellora da eficiencia enerxética da casa do concello, que permitirá transformar o edificio para facelo máis eficiente e moderno.

O orzamento desta actuación é de 457.015,95 euros e está financiado a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos do Goberno (PIREP), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

Os traballos inclúen a mellora total da envolvente térmica. Isto farase: renovando o illamento exterior de fachadas e cubertas, intervindo nos ocos existentes na fachada, substituyendo a carpintería exterior e instalando protección solar con persianas interiores, recercados exteriores e dispositivos de lamas fixas.

Tamén se renovarán as instalacións térmicas, habilitando calefacción e refrixeración mediante aerotermia e executando paneis fotovoltaicos. Prevese a substitución das luminarias interiores e exteriores existentes por outras de tecnoloxía LED e a habilitación de sistemas de aproveitamento de luz natural.

Tal e como se establece no proxecto estes traballos conseguirán reducir nun 94,3% o consumo de enerxía final, o consumo de enerxía primaria non renovable e as emisións de CO2.

Ademais, aproveitarase para realizar unha mellora técnica, estética e funcional, exterior e interior, da casa do concello, achegando racionalidade, flexibilidade e funcionalidade mediante a reorganización de espazos e percorridos, moi necesarios dada a tipoloxía da edificación, que data do ano 1970. Doutra banda, poténciase a súa integración na contorna e a paisaxe.

Cambios na atención ao público

Con motivo das obras de reforma da casa do concello haberá algúns servizos municipais que sufran modificacións en canto á súa localización. Nestas primeiras semanas este será o caso de Padrón e tamén de Alcaldía.

Desde o goberno local piden “desculpas polas posibles molestias que, como ocorre con todas as obras, poida ocasionar esta situación aos veciños” e explican que “é un proxecto moi necesario, que beneficiará ao persoal municipal pero tamén aos cidadáns nas súas xestións diarias”.