O Concello de Bergondo, en colaboración coa Asociación de Veciños e Veciñas de Moruxo, celebrou hoxe unha sentida homenaxe á escritora Filomena Dato Muruais (1856-1926) no cemiterio de Moruxo, lugar onde descansan os seus restos.
O evento, enmarcado dentro do ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’, serviu para conmemorar o centenario do seu falecemento e poñer en valor o seu inmenso legado literario e social.
O acto contou cun marcado carácter poético grazas ás intervencións de Natalia Alonso e Marta Dacosta —gañadoras da terceira e cuarta edición do Premio de Poesía Filomena Dato, respectivamente— e da poeta Dores Tembrás, que puxeron voz ao recordo da autora. Ademais, algunhas persoas do público animáronse a realizar unha lectura pública de fragmentos da obra de Filomena. A Agrupación de Música Tradicional de Bergondo foi a encargada de envolver a homenaxe coa nota musical da xornada.
Despois de realizar unha ofrenda floral, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, dirixiuse aos asistentes destacando a importancia desta efeméride: “hoxe reunímonos para saldar unha débeda de gratitude, de xustiza e de admiración neste lugar de recollemento e de memoria. Filomena, a quen Pérez Lugín bautizou como ‘a poetisa das Mariñas’, elixiu a nosa terra para pasar os últimos anos da súa vida, e desde o Concello temos o compromiso irrenunciable de que o seu nome non quede no esquecemento”.
A rexedora quixo facer especial fincapé na transcendencia histórica da homenaxeada, lembrando o seu papel fundamental na literatura e na sociedade do seu tempo. “Foi moito máis ca unha escritora, foi unha pioneira absoluta. Foi a segunda muller, despois da inmensa Rosalía de Castro, en publicar un libro integramente en galego, Follatos. Pero, ademais, foi unha voz valente no noso Rexurdimento e unha defensora incansable dos dereitos das mulleres nunha época na que o tiñan case todo prohibido, rebatendo os prexuízos con obras tan rotundas como En defensa das mulleres”, subliñou Pérez.
Esta homenaxe é un dos actos centrais do ano que o Concello dedicou a Filomena Dato e a Alejandro Pérez Lugín, unha iniciativa coa que o goberno local continúa o seu firme propósito de reivindicar a aquelas figuras literarias que engrandeceron a historia e a cultura do municipio.