Bergondo reivindica a súa memoria histórica cunha charla-debate sobre os fuxidos do forte de San Cristóbal

O Concello de Bergondo pon o foco na súa memoria histórica e faino a través dunha charla-debate titulada ‘Dous bergondeses na maior fuga carcelaría de Europa’, que xirará arredor da fuga desde o forte de San Cristóbal, no monte Ezkaba, xunto a Pamplona, o 22 de maio de 1938.

O acto celebrarase o 25 de novembro ás 19:00 horas na Senra e contará coa participación do autor do libro ‘Los fugados del fuerte de Ezkaba’, Fermín Ezkieta, e da representante da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH A Coruña), Aurora Paz Viruet.

O propósito deste encontro é dar a coñecer a relación que existe entre Bergondo e esta cárcere navarra da que fuxiron, en 1938, 795 presos republicanos, unha acción que rematou con 206 mortos nos montes e máis de 14 fusilados en Pamplona.

Na investigación realizada por Fermín Ezkieta para escribir o seu libro —coa intención de divulgar esta evasión ignorada, que cualifica como “a maior fuga carcelaria de Europa”— sinálase que entre os fuxidos había dous bergondeses: Gerardo Gómez Lorenzo e Andrés Pardo Argüeso/Agüero (o segundo apelido non está claro polo momento). Agora, tras as últimas exhumacións, estanse a comprobar restos de ADN para saber se algún corresponde a Gerardo ou Andrés.

Desde o goberno local preténdese “por unha banda poñer en valor a nosa memoria histórica e as vidas destes homes xunto coa súa historia, que non debe caer no esquecemento, e pola outra intentar saber máis sobre eles, coñecer quen é a súa familia, onde están exactamente as súas raíces…”. Por iso animan “a todas e todos os bergondeses a que se acheguen á Senra e participen no debate, seguro que entre todas e todos logramos dar luz a esta escura historia”.