Bergondo marca un novo fito histórico e supera os 7.000 habitantes censados

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Bergondo

O Concello de Bergondo supera por primeira vez os 7.000 habitantes. Así se reflicte nos datos do censo a data do 1 de xaneiro deste ano, que cifran en 7.136 as persoas residentes no municipio, 150 máis que na mesma data do ano pasado. Estas cifras non fan máis que reflectir unha tendencia á alza que Bergondo ten desde inicios de século pero que, desde 2018, non se interrompeu.

Este crecemento sostido reflicte o atractivo do municipio como lugar para establecerse, especialmente para familias novas que buscan contornas tranquilas, con boa calidade de vida e proximidade aos principais núcleos urbanos da área metropolitana. O feito de que o 15% da poboación estea formado por menores de idade mostra unha substitución xeracional saudable e unha proxección de futuro positiva, mentres que o peso da poboación maior de 60 anos evidencia o arraigamento e a estabilidade de moitos veciños que elixen Bergondo para pasar a súa vida en comunidade.

O aumento da poboación supón tamén un impulso para o desenvolvemento económico e social do municipio. Más habitantes significan máis demanda de servizos públicos, educativos, sanitarios e culturais, así como unha maior actividade comercial e unha revitalización do tecido local. Desde o Concello, este dato valórase como unha oportunidade para seguir planificando a medio e longo prazo, con políticas que aseguren un crecemento equilibrado e sostible.

“Superar os 7.000 habitantes é un fito simbólico pero tamén moi significativo para Bergondo. É o reflexo dunha comunidade que crece, que se consolida e que segue atraendo a novos veciños grazas á súa calidade de vida e a súa contorna”, sinalan desde o goberno local. “Este aumento anímanos a seguir traballando na mellora dos servizos públicos e nunha planificación urbana que responda as necesidades reais da cidadanía”, engaden.

Ademais, non se espera outra cousa que non sexa continuar aumentando esta cifra nos próximos anos, pois a solicitude de licenzas para construción de vivenda no municipio é elevada e indica que o municipio é moi atractivo para as familias, ademais de que se evidencia a dispoñibilidade de chan para uso residencial.

“Recibimos solicitudes de obra todos os meses, o que demostra o interese que a xente da comarca ten por residir en Bergondo. O noso obxectivo é que o crecemento demográfico tradúzase en melloras reais para os veciños e veciñas, recentemente chegados e os que levan toda a vida aquí”, resumo desde o goberno local.