O Concello de Bergondo continúa avanzando no seu plan de mantemento e mellora da rede viaria municipal. O goberno local vén de sacar a licitación un novo proxecto para a reparación e adecuación de dous camiños nas parroquias de Vixoi e Santa Marta de Babío, unha actuación que suporá un investimento total de 41.733,41 euros financiados a través da subvención de Agader.
En concreto, os traballos proxectados centraranse na mellora de dúas vías eminentemente rurais, tal e como marcan as condicións da axuda recibida. A primeira delas é o camiño que une San Vitorio con A Riveira, que conta cunha lonxitude de 491,14 metros. A segunda actuación levarase a cabo no camiño que une O Casal co lugar de Babío, cun tramo de 271,01 metros. Ambas as dúas vías teñen un ancho de 4 metros.
O obxectivo principal desta intervención é solucionar o estado de deterioración que presenta o firme nestes intres, provocado polo uso continuado e as inclemencias meteorolóxicas.
Os traballos que se levarán a cabo inclúen a limpeza do firme, a súa regularización e a extensión dunha nova base granular de saburra artificial. Ademais, o proxecto recolle a colocación de canos de formigón para asegurar unha correcta drenaxe da auga; e por outro, a instalación de nova sinalización vertical, consistente en dous sinais de STOP ao inicio e ao final de cada un dos camiños.