Bergondo lanza unha nova convocatoria dos orzamentos participativos

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Bergondo

O Concello de Bergondo busca, un ano máis, a participación da cidadanía nos orzamentos municipais. Por iso convoca a sétima edición dos orzamentos participativos, que, do mesmo xeito que en anos anteriores, consisten en reservar unha partida de 100.000 euros para financiar a mellor das propostas recibidas.

Este é un mecanismo que o goberno local emprega para dar voz aos veciños e veciñas de Bergondo e que estes propoñan as súas ideas para mellorar o municipio.

Os requisitos principais para a admisión de propostas, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo, son: que sexan viables, que a súa execución dependa do Concello e non doutras administracións, e que teñan un interese xeral ou parroquial.

De todos os xeitos, outro tipo de propostas que poidan ser interesantes pero que non se adapten a este proceso teranse en conta para incluílas noutros paquetes de investimento ou en solicitudes de subvención a outras administracións.

As persoas interesadas en participar poden enviar ata o 31 de outubro as súas propostas. Para iso distribuíuse un formulario cos datos necesarios a cubrir que pode ser entregado no Rexistro, a través da sede electrónica, nas caixas de correos dos centros sociais de cada parroquia ou por correo electrónico a correo@bergondo.gal.

Despois, recompilaranse todas as propostas e escollerase unha de entre as viables que se axusten aos requisitos de participación e ao orzamento de 100.000 euros destinado para este fin. O resultado publicarase o 8 de novembro na web e nas redes sociais municipais.

Ademais, premiarase ás mellores propostas con bonos para gastar no comercio local. Así, a proposta elixida levará un vale de 100 euros e as seguintes 10 mellores un de 30 euros cada unha.

Desde o goberno local sinalan que este mecanismo “funcionou moi ben os últimos anos e por iso queremos darlle continuidade. A veciñanza achega puntos de vista moi interesantes e dende o goberno municipal sempre estamos dispostos a escoitar propostas que redunden no ben de Bergondo”.