O Concello de Bergondo continúa co seu plan de mellora de espazos e infraestruturas públicas nas parroquias do municipio. Deste xeito, sacou a licitación dous proxectos para a parroquia de Santa Marta de Babío, que en conxunto suman un montante de investimento de 165.263,13 euros.
Concretamente levará a cabo a rehabilitación enerxética do centro social e crearase unha senda peonil de 800 metros na marxe do acceso á autoestrada en Ou Casal. A primeira intervención ascende a 98.981,06 euros, mentres que a segunda representa un investimento de 66.282,07 euros.
No centro social proxéctase unha mellora do illamento interior (colocando dobre xanelas polo interior e colocando un trasadosado por todo o edificio), un cambio de chan (picando o actual para impermeabilizar e illar, instalando un pavimento novo que incorpora unha capa ventilada para evitar infiltracións de humidade e servir de protección fronte ao radon), e unha mellora das instalacións eléctrica e de calefacción.
Tamén hai contempladas melloras no exterior, como o retellado da cuberta, cambio de canlóns e baixantes, a creación dunha zona de drenaxe, máis e mellores luces e unha celosía para integrar a unidade do sistema de aerotermia e a toma de auga.
O obxectivo destas actuacións, sinxelas e con mínimas necesidades de mantemento, é que o centro poida seguir cumprindo a súa función de forma sostibles e sendo o máis accesible e eficiente posible.
En canto á senda peonil, crearase un itinerario de 800 metros en Ou Casal que vai desde a intersección coa antiga AC-170 ata o cruzamento coa AC-164. O obxectivo que persegue é a mellora da circulación dos viandantes da zona, mellorando considerablemente a súa seguridade.
Este itinerario irá separado da calzada por elementos físicos. Ademais, ampliarase a rede de iluminación na zona do paso de peóns xa existente, colocando dous farois máis.