O Concello de Bergondo, xunto con outras institucións e entidades colaboradoras, rendeu hoxe homenaxe a Florencio Vaamonde Lores, un dos seus autores máis relevantes, no ano do centenario do seu falecemento.
A xornada comezou cunha misa en memoria de Florencio Vaamonde na capela de San Gregorio. Ao rematar, realizouse unha ruta literaria pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento do autor. O percorrido, duns 4 quilómetros, levou ás persoas participantes por espazos significativos na súa vida, como a Casa Grande dos Vaamonde, a fonte do Pincho, o Centro Social Antonio Pato Pardo (antiga escola), o castro de Reboredo e a igrexa de San Xoán de Ouces.
Posteriormente celebrouse un acto institucional de homenaxe con ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces, no que interviñeron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou que “Florencio foi moito máis ca un escritor: foi tamén un precursor do galeguismo político e cultural, pero, por riba de todo, foi un fillo de Bergondo. A súa parroquia natal de Ouces foi sempre o seu berce espiritual, o lugar onde se formou como persoa e como galego. Aquí, entre estas paisaxes e estas xentes, aprendeu a valorar a cultura popular, a forza da nosa lingua e a importancia de preservar a memoria colectiva dun pobo”.
Engadiu tamén: “Que o exemplo de Florencio Vaamonde siga inspirando ás novas xeracións a amar esta terra, a coidar a súa lingua e a traballar por un Bergondo e unha Galicia máis cultos, máis xustos e máis orgullosos do seu legado”.
A comitiva trasladouse despois ao auditorio da Senra, onde se celebrou un coloquio con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores. Para rematar a xornada, houbo unha actuación musical de Manoel de Felisa e petiscos para as persoas asistentes.
Ano Florencio Vaamonde
O Concello de Bergondo declarou o ano 2025 como Ano Florencio Vaamonde Lores, en homenaxe a unha das figuras máis destacadas da literatura galega do século XIX, nado na parroquia de San Xoán de Ouces o 2 de abril de 1860.
O goberno local continúa así co seu proxecto de poñer en valor autores e autoras ilustres vencellados co municipio, despois de celebrar no 2024 o Ano Xoán Vicente Viqueira. Está previsto que en 2026 as figuras homenaxeadas sexan Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín.
Co obxectivo de dar a coñecer e valorizar a obra de Florencio Vaamonde, o Concello creou un imagotipo específico, que se emprega desde o 1 de xaneiro de 2025 en todas as comunicacións oficiais da institución.
O deseño do imagotipo busca evocar, a través de elementos visuais, a esencia da época na que viviu o autor, o seu estilo e o seu legado cultural. Para iso empregouse unha tipografía serifa, que reforza esa conexión cultural, e representouse o autor sentado, nunha posición serena e reflexiva, evocando o seu intelecto e o contexto cultural galego no que se movía. Xuntos, estes elementos transmiten con forza a esencia do personaxe homenaxeado e o seu legado, creando unha identidade visual sólida.
Florencio Vaamonde Lores
Criado no seo dunha familia nobre, Florencio Vaamonde pasou a súa infancia entre San Xoán de Ouces e A Coruña, onde traballou como funcionario de Facenda e dedicou o seu tempo a consolidar as letras galegas e dignificar a lingua nacional.
En 1897 participou na fundación da Liga Gallega, unha organización política presidida por Manuel Murguía e dirixida por un comité formado por Lugrís Freire, Salvador Golpe e Carré Aldao, que redactou os seus estatutos integramente en galego. O 4 de setembro de 1905, Vaamonde Lores participou na fundación da Real Academia Galega. En 1907colaborou na constitución de Solidaridad Gallega e en 1916 participou na fundación das Irmandades da Fala.
Como estudoso, publicou artigos de carácter histórico en diferentes medios como La Fidelidad, Revista Gallega ou El Tribuno.
Como poeta, continuou a escola formalista encabezada por Eduardo Pondal e publicou varios poemarios. En prosa cultivou a novela de costumes, destacando tamén como ensaísta rigoroso.