Bergondo en feminino promove unha acción formativa dirixida a docentes
O proxecto Bergondo en feminino, impulsado desde os servizos sociais do Concello de Bergondo, acada a súa sexta edición. Nela centra os esforzos na difusión e implicación doutros axentes sociais nesta liña de traballo, dando a coñecer os recursos xerados e apoiando a súa aplicación en diferentes contextos.
Entre as accións previstas para este 2025 inclúese un obradoiro online dirixido a docentes de Bergondo e outros municipios o xoves 13 de marzo de 17 a 19h. Nesta sesión presentaranse os diferentes materiais didácticos xerados por esta liña de traballo ao longo dos anos, e explorarase en colectivo as posibilidades para integrar o traballo de visibilización de historia das mulleres nas aulas. Está dirixido a profesorado de todos os niveis educativos. As incricións para esta actividade están xa abertas (Inscricións: i.gal/befaulas)
Ademais, na dimensión do mundo educativo, ofreceranse roteiros e obradoiros de sensibilización en materia de xénero con alumnado de Educación Secundaria do CPI Cruz do Sar, que se celebrarán entre abril e maio. O proxecto contempla tamén o achegamento da liña de traballo a outros sectores como o económico, cultural ou turístico, a través de espazos de presentación e diálogo a diversos axentes da administración e o tecido empresarial.
En paralelo estase preparando o acto final do proxecto nesta edición, do que pronto se darán a coñecer novos detalles.
