‘Bergondo Diverso’, o calendario municipal para 2024

  • Categoría da entrada:Concello

O Concello repartiu, casa por casa, o calendario municipal para 2024 que este ano se titula ‘Bergondo Diverso’ e que ten o obxectivo de captar as diferentes diversidades que identifican a Bergondo como comunidade: as culturais, as étnicas, as físicas, as psíquicas e, en definitiva, as diferentes formas de ser e de sentir.

Na primeira páxina do calendario xa se recolle a natureza deste calendario: “Bergondo é un Universo Diverso, un lugar no que as persoas somos diferentes entre si pero iguais en oportunidades e dereitos. A diversidade é algo natural e é parte da nosa esencia”.

Cada mes está dedicado a unha desas diversidades: os usuarios e usuarias de Universo Diverso, o traballo que levan a cabo no Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Fiobre, os talleres do proxecto ‘Bancos para a xustiza social’, o labor social da Panificadora Mencer ou da Asociación Move-T e as tarefas de concienciación que realizan no CPI Cruz do Sar.

Desde o Concello lémbrase que as persoas que desexen outro calendario, para entregar a familiares e/o amigos, poden solicitalo na casa do concello.