A sociedade bergondesa mostrou hoxe, xoves 18 de decembro, por terceira ocasión o seu firme rexeitamento ao proxecto do Ministerio de Transportes para o ramal de conexión entre as liñas León-A Coruña e Betanzos-Infesta-Ferrol, unha actuación que suporía a eliminación do baipás de Infesta e que provocaría un impacto inasumible na parroquia de Cortiñán.
Nesta terceira manifestación participaron, xunto coas veciñas e veciños afectados, representantes da corporación municipal. De novo, ao igual que ocorreu nas dúas concentracións anteriores, o grupo municipal do BNG non formou parte da concentración.
Durante a protesta, as persoas participantes cortaron outra vez, de xeito puntual, a estrada DP-0105 tras unha pancarta co lema “Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila”, visibilizando así a súa oposición ao trazado proposto polo Goberno central.
Ao longo do acto, quedou patente unha vez máis a unidade do Concello e da cidadanía na defensa dunha solución “máis sensata, máis económica e máis respectuosa co territorio”.
O Concello non se opón á mellora das comunicacións ferroviarias, pero insistiu en que o proxecto actual non achega ningún beneficio real nin para Cortiñán nin para Bergondo. Sinala que todo se reduce a un suposto aforro de seis minutos, mentres segue sen abordarse de xeito serio cal debe ser o futuro do transporte cara a Ferrol