O Concello de Bergondo impulsa ‘Bancos para a xustiza social’, un novo proxecto de sensibilización cidadá para a xustiza social, ao abeiro dos fondos do Pacto de Estado. Tras un piloto no que se creou de maneira colaborativa un banco pola igualdade, neste outono levarase a cabo a intervención sobre oito pezas máis do mobiliario urbano en colaboración coa artista local Iria Fafián. Os temas escollidos nesta ocasión son diversidade cultural, diversidade funcional, mocidade, infancia, defensa do medio ambiente, diversidade sexual, persoas maiores e saúde mental.
O deseño dos novos bancos será colaborativo, partindo de obradoiros abertos nos que a cidadanía dea ideas para a mensaxe, imaxe ou emprazamento destes elementos. Os obradoiros están conducidos por educadoras da cooperativa Rexenerando, e contan ademais coa colaboración de entidades que traballan de maneira específica cos colectivos interpelados.
Así, o proxecto arrancará o vindeiro martes 4 de outubro ás 18:30 horas na biblioteca da Senra, cunha sesión sobre diversidade sexual na que as ONG Mestura e SenValos porán o marco sobre esta temática. O luns 9 de outubro ás 18:30 horas será a quenda do CPAP, cun obradoiro no que se abordará a diversidade funcional, e no que colabora tamén a iniciativa Universo Diverso. O martes 24 ás 18:30 horas levarase a cabo a sesión de medio ambiente na Senra, en colaboración co GALP Golfo Ártabro Sur, e o mércores 25 ás 18:30 horas na Casa da Mocidade os colectivos Alas A Coruña e Móvete acompañarán o obradoiro de diversidade sexual. Por último, o martes 31 terá lugar a sesión de persoas maiores no Centro social de Lubre María Fernández Sánchez xunto co grupo municipal de Memoria Activa; e o xoves 2 de novembro a de saúde mental no Centro social de Ouces Antonia Pato Pardo, en colaboración coas clases de Saudable-mente e a entidade TP Galicia.
Todos estes os obradoiros están abertos á cidadanía. Pa participar é necesario inscribirse previamente no 981 791 252 – ext. 4, ou no correo serezabel.rodriguez@bergondo.gal.
A maiores, celebraranse dúas sesións máis, pechadas, para o deseño dos bancos da mocidade e da infancia. Levaranse a cabo con alumnado de ESO e Educación Primaria do CPI Cruz do Sar.
O proxecto finalizará coa presentación dos bancos intervidos nun acto en decembro deste ano, no que tamén participarán os colectivos implicados no seu deseño.