O Concello de Bergondo organiza o vindeiro 25 de abril a terceira edición do “Día do Deporte”, unha xornada na que os veciños e veciñas poderán probar unha gran variedade de disciplinas e asistir a diferentes exhibicións dos clubs participantes. O evento desenvolverase nas instalacións do albergue de Gandarío e as actividades estenderanse tamén á propia praia de Gandarío. O horario da xornada estará dividido en dúas quendas: de 12:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 15:30 a 18:00 horas pola tarde.
Todas aquelas persoas que se animen a participar, ademais de asistir ás exhibicións das entidades, poderán probar multitude de disciplinas deportivas: escalada, tiro con arco, triciclos, parkour, skate, voleibol, bádminton, floorball, kin-ball, goalball, xogos populares, minigolf e caiacs. Ao sumar o contorno do areal, tamén se poderá gozar de fútbol praia e vóley praia.
Este ano a participación activa terá recompensa. Os asistentes poderán inscribirse na entrada do recinto e, unha vez consigan 8 selos probando as distintas actividades propostas, recibirán un premio directo (ata fin de existencias). Ademais, ter completado este pasaporte deportivo daralles dereito a participar no sorteo de agasallos que terá lugar ás 18:00 horas, como peche da xornada.
Exhibicións dos clubs locais
Ao longo do día, as persoas asistentes poderán gozar das exhibicións preparadas polas entidades deportivas colaboradoras. Nesta terceira edición participan o Club Rítmica Ausarta, o Club Atlético Bergondo (CAB), o Club Ciclista Skapaos, o CB Bergondo, a APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar, o Club de Salvamento SASA e a AFA As Escoliñas.
Degustación e normas do recinto
No espazo de descanso, de 14:00 a 15:30 horas, ofrecerase unha degustación para repoñer forzas. Para poder gozar dela, as persoas interesadas poden anotarse a través do seu respectivo club ata o 10 de abril. Así mesmo, as persoas empadroadas no concello de Bergondo poderán inscribirse para a comida acudindo á Casa da Cultura, do 7 ao 10 de abril, en horario de 9:30 a 14:30 horas.
A organización lembra que quen o desexe pode levar a súa propia comida, pero deberán xantar exclusivamente nas zonas habilitadas e deixar o espazo recollido ao finalizar. Ademais, lémbrase que non se pode fumar nin beber alcohol en todo o recinto. Como en anos anteriores, todos os menores de 14 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable. Recoméndase levar casco para a actividade de ciclismo e unha muda de roupa seca para quen vaia realizar as actividades náuticas.