Bergondo celebrará o II Día do Deporte o sábado 6 de abril no albergue de Gandarío

  • Categoría da entrada:Bergondo

O Concello de Bergondo organiza, o sábado 6 de abril, a segunda edición do ‘Día do deporte en Bergondo’, unha xornada na que veciños e veciñas poderán probar case unha vintena de disciplinas e asistir a diferentes exhibicións.

O Albergue de Gandarío de Bergondo será o lugar no que se desenvolverá esta iniciativa, que xa foi un éxito o ano pasado. Ás 12:00 horas abriranse as portas, con demostracións de disciplinas como o kajukenbo (arte marcial), ximnasia rítmica, ciclismo, atletismo, baloncesto e salvamento acuático, que se celebrarán durante toda a xornada.

Todos e todas aqueles que se animen a participar, ademais de asistir ás exhibicións, poderán probar ata 13 disciplinas deportivas: escalada, tiro con arco, triciclos, parkour e skate, volei, tenis, bádminton, florball, kin-ball, goal-ball, minigolf, kaiak e diferentes xogos populares. Ademais, tamén se poderá levar a bici.

O horario será de 12:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:00 horas. No espazo de descanso, de 14:00 a 15:30 horas, repartiranse, totalmente gratis, callos, pizza e froita para todos e todas as participantes. Tamén se poderá levar comida ás zonas habilitadas do albergue de Gandarío.

O proceso para participar péchase o luns 1 de abril ás 14:00 horas. Para asegurar a praza con antelación é necesario cubrir o formulario que aparece na seguinte dirección: II Día do Deporte en Bergondo.

Con todo, existe a posibilidade de inscribirse o mesmo día da actividade no espazo situado a tal fin, cubrindo a solicitude de participación. Como dato a ter en conta, todos os menores de 14 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable do ou da menor.

Para desenvolver esta iniciativa, colaboran o CBM Oleiros; o Club Salvamento Sada; o Club Rítmica Ausarta; o Club Ciclista Skapaos; a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva de Boxing As Mariñas; o Club Atlético Bergondo; a APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar e Protección Civil de Bergondo.