Bergondo celebra a súa segunda Festa da Familia en Lubre o sábado 18 de xullo

O Concello de Bergondo organiza este sábado, 18 de xullo, a ‘II Festa da Familia’, que se celebrará nas pistas polideportivas de Lubre. A xornada, que comezará ás 11 horas, contará con comida popular e ao longo da mañá e da tarde desenvolveranse o resto das actividades.

Así, disporanse mesas para os grupos que desexen ir xantar, levando a comida da casa. Para reservar sitio había que inscribirse indicando o número exacto de asistentes. O único requisito era que a persoa solicitante debía estar empadroada no Concello de Bergondo.

De 11 a 14 horas e de 15:30 a 20:30 horas levaranse a cabo outras actividades como xogos tradicionais, obradoiros, actuacións musicais e de monicreques. Tamén se representará a obra ‘As palabras perdidas’, de Inventi Teatro. O peche da festa poñerao unha festa da escuma e pos Holi.

Desde o goberno local animan a participar nesta segunda edición a “familia, grupos de amigos ou persoas que veñan de visita, queremos que sexa un evento interxeracional” e sinalan que “a área recreativa de Lubre é un lugar perfecto para celebralo porque conta co equipamento necesario: unha zona cuberta, baños, parque infantil, parrillas…”.