Bergondo asina convenios de colaboración con 11 entidades sociais que actúan no municipio

  • Categoría da entrada:Social

O Concello de Bergondo celebrou esta mañá o acto de formalización os convenios de colaboración e protocolos de actuación con entidades sociais que desenvolven actividades dentro do municipio. O evento, que se desenvolveu na biblioteca do edificio da Senra, estivo centrado na firma simbólica — pois os acordos fírmanse de xeito telemático — da colaboración entre o Concello e 11 entidades do terceiro sector.

O obxectivo deste acto é, por unha banda, a colaboración con organismos que desenvolven os seus proxectos en Bergondo e arredores; e, pola outra, impulsar iniciativas conxuntas entre as propias asociacións dirixidas a persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade.

Hoxe asináronse acordos con Anhida Coruña para a promoción de actividades para integrar ás persoas con TDAH; APEM, contemplando a contratación de persoas con enfermidades mentais; TP Galicia, apoiando na sensibilización social sobre as persoas con trastornos de personalidade; Dismacor, a quen se axudará no seu traballo de integración con persoas con discapacidade intelectual; ou Aspace, recollendo no acordo a asistencia na promoción de servizos e programas para a inclusión social das persoas con algún tipo de discapacidade.

Tamén se apoiará a través destes convenios a Aspadisol, axudándoos a manter os seus centros para persoas con parálise cerebral; á Fundación Mujeres, que busca mellorar a situación social das mulleres; e a Mirabal, para mellorar a calidade de vida das vítimas de violencia de xénero.

A Cogami axudaráselle a través dun protocolo xeral de actuación, coordinando coa asociación programas de asistencia para persoas con discapacidade; á Asociación Párkinson Galicia-Coruña potenciaránselle as súas actuacións coas persoas con esta enfermidade; e a Afaco axudaráselle nos seus programas coas persoas afectadas polo Alzhéimer e outras demencias.

No seu conxunto, o importe das subvencións a estas asociacións acada os 63.500 euros e supón un importante pulo para a execución de programas sociais en Bergondo.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, sinalou que “o terceiro sector desenvolve un papel fundamental na transformación e o progreso da comunidade. Estas entidades sociais abordan retos complexos, pois os problemas sociais non paran de medrar e cada vez élles máis complicado facer o seu labor”. Por iso, subliñou que “o financiamento, a colaboración, a visibilidade ou a optimización de recursos son preocupacións persistentes nestes organismos e por iso, dende o Concello, buscamos crear alianzas estratéxicas para amplificar o seu impacto e facer máis ben na nosa comunidade”.