Bergondo apoia ás familias con escolares cunha nova edición do programa de préstamo de libros

O Concello de Bergondo xa abriu o prazo para que as familias con fillos ou fillas en idade escolar se beneficien do programa de préstamo de libros municipal, unha iniciativa que complementa ao Fondo solidario de libros de texto da Xunta, concedendo aos nenos e nenas aqueles que non lles foron outorgados pola administración autonómica.

Os libros serán propiedade do Concello de forma que, ao finalizar o curso escolar deberán entregarse dentro dos prazos sinalados para que poidan ser empregados por outros alumnos no próximo curso. Tanto os prazos como o lugar de recollida serán publicados na web e redes sociais municipais. Ademais, os libros deberán entregarse en perfectas condicións e, en caso contrario, haberá que repoñelos.

Poderán acollerse a esta bolsa os/as estudantes que cursen os seus estudos no CPI Cruz de Sar que, no momento da solicitude, estean empadroados/as no Concello de Bergondo e cursen desde 3º de Primaria a 4º de ESO. Tamén é un requisito indispensable para acceder a este programa realizar a solicitude do Fondo solidario da Xunta.

O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto, permanecendo así ata o próximo 28 de xuño. As familias poden solicitar esta axuda a través deste formulario.

Desde o goberno local subliñan que “este tipo de axudas son fundamentais para moitas familias de Bergondo, pois lles facilita pasar un momento económico complicado cada ano como é o inicio do curso escolar”.