O Concello de Bergondo continúa coa ampla programación de actividades deseñada para conmemorar o 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador. Neste marco, o municipio acollerá a próxima fin de semana, do 23 ao 25 de outubro, as Xornadas Culturais de Bergondo 2026, un evento que profundará no incalculable valor histórico, artístico e patrimonial do cenobio bergondés.
As xornadas reunirán a destacadas persoas expertas, académicas e figuras vinculadas ao ámbito monástico e histórico, e desenvolverán a súa programación en dous escenarios principais: o Centro Sociocultural A Senra e o propio Mosteiro de San Salvador.
O programa arrincará o venres 23 de outubro ás 18:30 horas na Senra, coa intervención da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e do párroco do Mosteiro, Rubén Aramburu. Continuará Carlos Gutiérrez Curatango, prior do Mosteiro de Sobrado, que ofrecerá a charla ‘A vivencia monástica hoxe’ para achegar ao público a realidade actual da vida nos conventos.
Sábado de historia, música e patrimonio
A xornada do sábado 24 de outubro comezará pola mañá na Senra. Ás 10:00 horas, a licenciada en Xeografía e Historia Ana Filgueiras Rei impartirá o relatorio ‘O legado invisible do mosteiro de San Salvador de Bergondo’.Posteriormente, ás 11:45 horas, será a quenda de Alfredo Erias, doutor en Historia da Arte e presidente da Fundación L. Monteagudo, coa súa intervención ‘Unha ollada á igrexa e mosteiro de Bergondo’. Esta sesión matinal concluirá cun fito moi especial: a presentación oficial da canción ‘Aló en Bergondo’.
Xa pola tarde, a actividade trasladarase á contorna do Mosteiro de San Salvador. Ás 16:00 horas, Estefanía López Salas, doutora arquitecta e profesora titular da UDC, presentará ‘Trala pegada dunha paisaxe monástica: San Salvador de Bergondo’. Ás 17:30 horas, as persoas asistentes poderán gozar dunha visita guiada polas instalacións do recinto histórico. O broche de ouro a este segundo día poñerao o Concerto de Outono, organizado pola Coral Costumes, ás 19:00 horas.
Reflexión de cara ao futuro
As Xornadas Culturais concluirán o domingo 25 de outubro na Senra cunha ollada cara aos próximos pasos na conservación e divulgación do monumento. Ás 11:30 horas celebrarase a mesa redonda ‘900 anos… e agora que?’, que contará coas intervencións do xornalista Cristóbal Ramírez; a arqueóloga e doutora en Xeografía e Historia Matilde González Méndez; e Marta Vidal Zapatero, diplomada en Turismo e guía oficial tanto no Pazo de Meirás como no propio Mosteiro de Bergondo.
