O Concello de Bergondo acollerá o vindeiro sábado, 22 de novembro de 2025, unha intensa xornada deportiva con dous eventos organizados conxuntamente co club Gallaecia Raid, que reunirán participantes de toda Galicia e do norte de Portugal.
Pola mañá celebrarase a VI proba da Liga MTBO 2025, puntuable ademais como Campionato Xunta de Galicia en distancia media, unha competición de orientación en bicicleta de montaña que porá a proba a habilidade e a resistencia dos orientadores galegos.
A carreira discorrerá polos sendeiros e pistas do municipio e constará dunha única proba en media distancia, cun percorrido secreto que os participantes coñecerán só no momento da saída. A primeira saída será ás 10:30 horas e a entrega de trofeos terá lugar ás 13:30 horas. O prazo de inscrición remata o domingo 16 de novembro.
Xa pola tarde-noite, o deporte volverá ser protagonista coa celebración da I Orientación Nocturna de Bergondo, unha proba popular aberta a todos os públicos que nace co obxectivo de achegar esta disciplina ao conxunto da cidadanía.
Organizada tamén polo Concello de Bergondo e Gallaecia Raid, a carreira desenvolverase en formato Rogaine, no que cada participante ou grupo deberá deseñar a súa propia estratexia para acadar o maior número posible de puntos dentro do tempo establecido.
Haberá tres modalidades:
Carreira longa (3 horas), pensada para orientadores con experiencia.
Carreira curta (1,5 horas), para quen busque menor esixencia física ou se inicie na orientación.
Carreira infantil (1 hora), sen dificultade técnica, dentro das instalacións de A Senra, especialmente pensada para nenos e nenas.
A proba comezará coa recollida de dorsais ás 17:00 horas, e as saídas serán a partir das 18:30 horas.
As persoas participantes deberán levar roupa deportiva, lanterna ou luz frontal, chaleco reflectante, brúxula e teléfono móbil, sendo imprescindible controlar o tempo para non superar o límite da carreira.
O número de prazas está limitado a 400 participantes e as inscricións poden formalizarse a través da plataforma tracktherace.com ata o 15 de novembro.
As persoas empadroadas en Bergondo poderán participar de forma gratuíta, marcando a casiña correspondente na plataforma de inscrición.

