Bergondo acolle este venres a proxección de “La casa de la Troya”, en homenaxe a Alejandro Pérez Lugín

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Cultura

Este venres 9 de outubro, ás 18 horas na Senra, o Concello de Bergondo celebrará o evento cultural “Unha noite en Bergondo”, que terá como principal atractivo a proxección da emblemática película “La Casa de la Troya”. Trátase dunha sesión especial de cinema mudo que estará acompañada por música ao vivo. Esta iniciativa forma parte dos actos de homenaxe que se están a levar a cabo durante este 2026 para reivindicar e celebrar as figuras do autor Alejandro Pérez Lugín e da escritora Filomena Dato. Supón, ademais, un fito cultural destacado, xa que é a primeira vez que se proxecta a película tras os exitosos actos do seu centenario celebrados en 2025 na Casa de Galicia en Madrid.

A exhibición desta obra literaria e cinematográfica garda un incalculable valor histórico e sentimental para os veciños e veciñas da comarca. Xa en 1924, Alejandro Pérez Lugín converteu as paisaxes das Mariñas Coruñesas e as Terras do Mandeo nun grande escenario de cinema. Por este motivo, a cita é de especial relevancia non só para a cidadanía de Bergondo, senón tamén para a doutros concellos veciños como Sada ou Culleredo, que poderán identificar na gran pantalla imaxes históricas das súas localidades.

A entrada é libre ata completar aforo.