Axudas para o curso escolar 2026/2027

O Concello de Bergondo, seguindo a súa política de apoio ás familias con fillos ou fillas en idade escolar, abre o prazo de tres diferentes liñas de subvencións para axudar aos bergondeses e bergondesas no importante esforzo económico que supón cada ano o inicio do curso.

Por unha parte están as bolsas de préstamo de libros de texto, que complementan ao Fondo Solidario da Xunta de Galicia e que están dispoñibles desde 3º de Primaria ata 4º da ESO. Esta bolsa pode solicitarse a través deste formulario ata o 30 de xuño.

Para non deixar descubertas as necesidades das familias con fillos ou fillas en idade escolar que estean no CRA (se a súa escola usará libros durante este curso) ou 1º ou 2º de Primaria, o Concello pon en marcha outra liña de axudas que consisten na entrega de libros. No caso dos estudantes de Primaria, deberán solicitar a axuda para a adquisición de libros e material da Xunta. As solicitudes deberán entregarse desde mañá, 11 de xuño, ata o 9 de xullo por Rexistro, ben presencialmente ou ben a través da sede electrónica.

Por último, o programa de axudas á escolarización (compra de material escolar e libros), que está dirixido a todo o alumnado dos CRA e do CPI Cruz do Sar, ten un orzamento total de 12.000 euros e achega entre 30 e 120 euros ás familias con menos ingresos. Os únicos requisitos son estudar nalgún dos centros públicos de Bergondo e non superar o límite de ingresos establecido nas bases. O prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá, xoves 11 de xuño, e pecha o 9 de xullo. Deberá presentarse a documentación a través do Rexistro municipal, ben presencialmente ou na sede electrónica. 

Cabe destacar que esta última liña si ten en conta o nivel de ingresos, mentres que as de préstamo e entrega de libros non teñen a renda como un requisito nunha clara aposta pola educación pública e gratuíta.

As persoas interesadas poden solicitar máis información no 981 791 252 ext. 7/ ext. 4, ou nos correos electrónicos cultura.deportes@bergondo.gal ou monica.mourin@bergondo.gal.