Avanzan as obras do proxecto de rehabilitación enerxética e reforma integral do edificio de Servizos Sociais, unha actuación que busca optimizar a atención á cidadanía, mellorar as condicións de uso e habitabilidade das dependencias e impulsar a eficiencia enerxética do inmoble municipal.
A intervención, que conta cun orzamento de 225.348 euros e se inclúe no Plan Único da Deputación da Coruña, responde á necesidade de adaptar o espazo ás demandas, tanto do persoal como dos usuarios do servizo. As obras non só implican unha mellora estética, senón que se centran na reordenación interna e na modernización das instalacións para garantir un servizo máis áxil e de maior calidade.
Na planta baixa, a reforma está a centrarse na zona de recepción e atención ao público, reordenándoa para mellorar a privacidade e a fluidez do servizo. Ademais, créanse dous novos despachos que permitirán optimizar a atención das demandas dos usuarios e o traballo do persoal municipal.
A planta semisoto, que era un espazo diáfano destinado a almacén e garaxe, está a compartimentarse para crear dous locais independentes con usos separados: un garaxe e un almacén. Esta separación inclúe a instalación dun novo portalón metálico abatible na fachada posterior para un acceso máis sinxelo e funcional a través da parcela.
Compromiso coa eficiencia enerxética
Un dos eixes centrais do proxecto é a rehabilitación enerxética, que incidirá directamente no confort dos usuarios e na redución do consumo. As actuacións clave son: mellora do illamento interior dos teitos da planta baixa e semisoto; instalación de novos sistemas de ventilación con recuperador de calor na planta baixa e ventilación natural na planta semisoto; novo sistema de climatización na planta baixa mediante bomba de calor aerotérmica; mellora da protección solar coa instalación de lamas horizontais fixas de aluminio na fachada sueste e a substitución das actuais lamas interiores por cortinas tipo screen enrollables con protección solar e antideslumbramento; e a adaptación da carpintería exterior para permitir a apertura oscilobatente.
O proxecto complétase coa limpeza, reparación e pintado das fachadas exteriores, así como a adecuación da impermeabilización dos encontros entre fachadas e pavimentos exteriores.
Desde o goberno local explican que “esta reforma integral, que simultanea a mellora da funcionalidade, accesibilidade e calidade arquitectónica coa eficiencia enerxética, reflicte o compromiso do goberno coa mellora continua dos seus servizos e instalacións públicas”.