As obras de renovación da rede de saneamento e abastecemento de augas en Tatín xa están en marcha

  • Categoría da entrada:Concello

Hoxe deron comezo as obras de mellora da rede de saneamento e abastecemento de augas en Tatín, na parroquia de Ouces. O Concello de Bergondo continúa así co desenvolvemento do seu Plan de Saneamento, que busca renovar gran parte do sistema actual.

Os traballos estanse realizando na zona de Tatín anexa á AC-162 e no proxecto contémplase a instalación dunha rede completamente nova de saneamento, a canalización para o alumeado público e a renovación integral da rede de abastecemento.

Estas acometidas están orzadas en case 94.000 euros e son a continuación doutras obras de fases previas do Plan de Saneamento bergondés.

O goberno local subliña a importancia que “este tipo de infraestruturas básicas teñen para a veciñanza”. Afirman que estas actuacións “melloran a calidade e vida dos e das residentes en Tatín, xa que os novos tubos ofrecen un mellor servizo, con menos problemas na subministración e requiren menos mantemento ao estar feitos de mellores materiais”.