Arrancan as obras de mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade do polideportivo de Guísamo

  • Categoría da entrada:Bergondo

Esta semana deron comezo as obras de mellora de eficiencia enerxética e de accesibilidade do polideportivo de Guísamo. Esta actuación, orzada en 342.792 euros, busca mellorar o illamento térmico e lograr un aforro enerxético; así como mellorar a comodidade do espazo, facéndoo máis amable no seu uso.

O proxecto contempla a mellora da cuberta, colocando un illamento térmico de la de vidro; a substitución da caldeira de gasóleo por unha de biomasa, que, ademais de abastecer de auga quente a vestiarios e aseos, alimentará a 8 aerotermos para dotar ao edificio dunha calefacción con enerxía renovable; a renovación total da actual iluminación por outra de tecnoloxía LED; a mellora da ventilación da pista e a instalación dunha tubaxe de drenaxe para evitar a entrada de auga desde o terreo ao interior do edificio.

En canto á accesibilidade, contémplase a reforma dos aseos e vestiarios, adaptándoos a persoas con mobilidade reducida; e tamén se proxecta a instalación dun salvaescaleira para poder subir á bancada.

Durante o transcurso das obras inhabilitaranse algunhas prazas de aparcamento na zona para un mellor desenvolvemento dos traballos.

O goberno local de Bergondo destaca “a importancia deste tipo de obras para as arcas municipais, xa que, ademais de mellorar as instalacións, facéndoas máis modernas e adaptadas ás necesidades de todas as persoas, permítennos aforrar cartos grazas ás novas tecnoloxías, renovables e de menor impacto ambiental”.

Ademais, tamén agradece “a desinteresada colaboración do persoal do CPAP de Fiobre, que asesoraron sobre as cuestións de accesibilidade no proxecto”.