En que consiste?
Primeiramente consideramos importante saber que é o reforzo educativo.
O reforzo educativo é unha medida de apoio ao alumnado que se ofrece de forma esporádica e con carácter puntual cunha finalidade preventiva, de recuperación ou incluso de ampliación.
Non obstante, máis que reforzo educativo, o traballo céntrase en ensinar ao alumnado as técnicas, estratexias e métodos que faciliten o seu proceso de aprendizaxe así como conseguir certa autonomía e organización no seu estudo.
Para quen?
As actividades que se levan a cabo están dirixidas a todos os niveis de Educación Primaria, abarcando todas as materias do currículo e polo tanto, as competencias básicas da LOE.
Que son as competencias básicas?
Unha competencia é a capacidade de poñer en práctica de forma integrada coñecementos, habilidades e actitudes para resolver problemas e situacións. Ademais, adquire a dimensión de básica, xa que debe estar ao alcance de todo o alumnado da escolaridade obrigatoria.
Estas son as competencias básicas:
Competencia en comunicación lingüística.
Competencia en razoamento matemático.
Competencia dixital e tratamento da información.
Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico e natural.
Competencia social e cidadá.
Competencia cultural e artística.
Competencia para aprender de forma autónoma.
Competencia para a autonomía e iniciativa persoal.
Avaliación inicial
Ao inicio de curso levarase a cabo unha avaliación inicial de determinados aspectos como son a lectura, a comprensión ou incluso o coñecemento sobre as técnicas de estudo que poda posuír o alumnado.
Aplicaremos ao alumnado probas de velocidade lectora así como de comprensión, alén de cuestionarios específicos de técnicas de estudo adaptados a cada nivel.
Existe a posibilidade da elaboración dun diagnóstico psicopedagóxico por alumno/a se fose necesario.