Que entendemos por Escola de nais e pais?
É un espazo de aprendizaxe onde o intercambio de experiencias e a reflexión colectiva se converten en ferramentas que permiten mellorar os recursos educativos. As Escolas de nais e pais son espazos de información, formación e reflexión dirixidos a pais e nais, familiares e docentes que se encargan da educación dos menores. Trátase de ofrecer unha experiencia de beneficio social que queda amplamente xustificada dende o punto de vista pedagóxico, polo enorme interese e a preocupación cada vez maiores que está a adquirir na nosa sociedade o problema da educación dos pais. En definitiva é un lugar de encontro onde mediante o diálogo e a análise tentamos poñer en común diferentes puntos de vista sobre temas de interese educativo. Temas que se falan pouco na rúa ou non é habitual que profundemos neles.
A quen vai dirixida esta iniciativa?
Pretendemos dirixirnos a pais e nais, avós, titores con menores en idade escolar e axudar a moitas familias na adquisición de pautas saudables de dinámica familiar que facilitarán a convivencia, a comunicación e en definitiva o desenvolvemento integral dos nenos e nenas como membros activos da sociedade.
A familia é o ámbito natural de desenvolvemento dos menores. O grupo familiar, entendido como sistema no que todos os membros actúan se inflúen reciprocamente, pasa ó longo do seu desenvolvemento por diversos momentos. A familia debe ter a suficiente capacidade de adaptación que lle permita continuar desenvolvendo axeitadamente as funcións que lle son inherentes. Por isto faise preciso coñecer os diferentes aspectos que se dan no desenrolo familiar e reflexionar sobre a propia dinámica de grupo.