Alumnado de 6º de primaria do CPI Cruz do Sar presentará mañá no Concello o seu proxecto ‘Futuro verde’ de concienciación ambiental

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O alumnado de 6º de primaria do CPI Cruz do Sar presentará mañá, venres 16 de maio, no Concello de Bergondo o seu proxecto de concienciación ambiental ‘Futuro verde’, que están a levar a cabo durante todo o curso. Unha actividade promovida pola asociación EDUCO e cofinanciada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Os escolares, que se reunirán coa alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e aproveitarán a visita para coñecer o funcionamento do Concello, teñen previsto desprazarse, ao redor das 11 horas, á praia de Gandarío para realizar unha limpeza pública do areal e animan a que se una a eles calquera persoa interesada en participar.

O obxectivo de ‘Futuro Verde’ é tentar concienciar no desenvolvemento sostible do noso planeta, partindo da súa realidade máis próxima (casa, colexio, contorna). Para iso, os alumnos e alumnas participantes analizaron que erros se estaban cometendo en canto ao consumo de enerxía e aos residuos que se xeran. A partir de aquí, tentaron buscar solucións e formaron as ‘Patrullas verdes’ para tentar dar un servizo a esta problemática ambiental. Para iso recibiron formación do CEIDA, de ‘Mulleres Colleiteiras’ ou do Consorcio As Mariñas.

Nunha carta dirixida á alcaldesa, os escolares explican que se converteron en “axentes ambientais do centro co obxectivo de coidar a nosa contorna en canto a aforro de enerxía e limpeza, achegando a nosa colaboración para que futuras xeracións de alumn@s poidan gozar deste lugar como nós ou facemos agora”.

Encontro en Madrid

O 28, 29 e 30 de maio o alumnado de 6º de primaria que levou a cabo o proxecto ‘Futuro Verde’ participará no I Encontro de Educación Transformadora para a Cidadanía Global e Aprendizaxe-Servizo, xunto con docentes e alumnado de catro comunidades autónomas (Andalucía, Cataluña, Galicia e Madrid).

Será un espazo de convivencia no Escorial no que se compartirán experiencias e reflexión sobre o que supuxo o proceso de Aprendizaxe-Servizo para o alumnado participante.