ACTIVIDADES CURSO 2026-2027

  • Categoría da entrada:Veciñanza

O Concello de Bergondo presenta a programación de actividades para o curso 2026-2027

A nova programación inclúe propostas de envellecemento activo, culturais e deportivas para diferentes idades e intereses

O Concello de Bergondo pon en marcha a programación municipal de actividades para o curso 2026-2027, unha ampla proposta que reúne actividades de envellecemento activo, cultura e deporte, co obxectivo de promover o benestar, a participación social, a aprendizaxe e o lecer compartido entre a veciñanza.

A programación de Envellecemento Activo ofrece ás persoas participantes diferentes alternativas orientadas ao benestar físico e emocional, á participación e á socialización. Entre as propostas figuran actividades de tecnoloxías dixitais, memoria, radio e podcast, teatro, inglés, mindfulness, xardinería terapéutica, alimentación saudable, baile e rutas, entre outras.

No ámbito cultural e deportivo, o Concello mantén unha oferta destinada a favorecer o desenvolvemento integral, o benestar físico e mental, a saúde e a integración social. A programación incorpora actividades culturais como pandeireta e coro, música tradicional, encaixe de bolillos e labores e corte e confección, así como diferentes propostas deportivas.

A programación complétase con diversas actividades ao longo do ano, entre elas saídas socioculturais, rutas por diferentes parroquias de Bergondo, marcha nórdica e actividades náuticas, ademais das diferentes celebracións e encontros previstos no calendario municipal.

Unha das citas destacadas será o XXV Encontro das Persoas Maiores, que terá lugar o domingo 6 de xuño de 2027 no Pavillón de Deportes da Senra, como espazo de reencontro, convivencia e recoñecemento ás persoas maiores do municipio.

Prazo de solicitude de praza

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 7 ao 10 de setembro de 2026, a través dos formularios en liña habilitados, da sede electrónica municipal ou de maneira presencial.

No caso das actividades de Envellecemento Activo, a presentación presencial poderá realizarse no Departamento de Servizos Sociais, mentres que para as actividades culturais e deportivas será na Casa de Cultura, en ambos os casos en horario de 9:30 a 14:30 horas.

As listas provisionais publicaranse o 14 de setembro; os días 15 e 16 de setembro estarán abertos os prazos de reclamación e, no caso de existir máis solicitudes que prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público o 17 de setembro ás 10:00 horas na Casa de Cultura. As listas definitivas publicaranse o 18 de setembro.

As persoas admitidas deberán formalizar a inscrición e realizar o pagamento das actividades do 23 ao 25 de setembro de 2026. Terán preferencia para acceder ás prazas as persoas empadroadas no Concello de Bergondo.

O Concello de Bergondo anima á veciñanza a consultar a programación completa e a participar nas actividades, concibidas como espazos para aprender, manterse activo, desenvolver novas habilidades, coidar a saúde e compartir tempo con outras persoas.

Máis información:

Departamento de Servizos Sociais
981 791 252 · Ext. 4
servizos.sociais@bergondo.gal

Departamento de Cultura e Deportes
981 791 252 · Ext. 7
cultura.deportes@bergondo.gal

Actividades Culturais, Deportivas e Envellecemento activo Curso 2026-2027